O BNG do Corgo denuncia o deterioro da atención sanitaria durante unha concentración veciñal

LugoXa
A formación nacionalista alerta das carencias en Atención Primaria, a falta de matrona e os problemas de cobertura no servizo de pediatría
centro-de-saúde-O-Corgo-BNG
3 Jul 2026

O BNG do Corgo acompañou á veciñanza do municipio nunha concentración celebrada diante do centro de saúde para denunciar o progresivo deterioro da atención sanitaria no concello e facer visibles as consecuencias que, segundo sinalan, están a provocar os recortes aplicados pola Xunta de Galicia na Atención Primaria.

A portavoz municipal do BNG, Pilar Bellón, advertiu durante a mobilización de que a situación sanitaria no municipio presenta unha evolución preocupante e asegurou que esta realidade repercute directamente na atención que recibe a cidadanía. Segundo indicou, os recortes están a afectar especialmente aos servizos sanitarios no rural e obrigan á veciñanza a afrontar dificultades e desprazamentos para acceder a prestacións básicas.

Bellón lembrou tamén que o Punto de Atención Continuada (PAC) do Corgo presta servizo de forma compartida cos municipios de Castroverde, Baleira e Baralla, unha situación que, ao seu xuízo, condiciona a capacidade de resposta ante posibles urxencias nunha ampla zona do interior da provincia.

A representante nacionalista chamou tamén a atención sobre a ausencia de servizo de matrona no centro de saúde do municipio. Segundo explicou, as usuarias do Corgo teñen que desprazarse ata Sarria para recibir esta atención e incluso deben contactar directamente co centro sanitario desa localidade para solicitar cita, unha circunstancia que, segundo denuncia, provoca demoras e dificulta o acceso ao servizo.

En relación coa pediatría, o BNG asegura que tamén existen importantes deficiencias. O profesional encargado deste servizo distribúe a súa xornada laboral entre varios concellos e unicamente atende no Corgo dous días á semana ou segundo a súa dispoñibilidade. Ademais, a formación sinala que a partir da próxima semana non se cubrirán as vacacións do persoal, o que deixará ás crianzas sen atención pediátrica específica e obrigará ás familias a recorrer á medicina de familia ou aos servizos de urxencias para cuestións que, segundo apuntan, deberían resolverse nunha consulta especializada.

Pilar Bellón afirmou que a veciñanza do rural non debería recibir unha atención sanitaria inferior por razón do lugar de residencia e reclamou un servizo estable, continuado e coa cobertura completa dos profesionais durante todo o ano.

Desde o BNG do Corgo aseguraron ademais que continuarán promovendo mobilizacións e reclamando á Xunta de Galicia medidas que permitan reverter a situación e garantir unha atención sanitaria pública de calidade para a veciñanza do municipio.

0.10539817810059