O BNG do Corgo impulsa medidas para apoiar ás familias e favorecer a igualdade no acceso á educación

LugoXa
Unha proposta para financiar actividades culturais do alumnado foi aprobada por unanimidade, mentres que a creación de axudas escolares municipais non saíu adiante
BNG-O-Corgo
22 Jun 2026

O BNG do Corgo levou ao último pleno municipal dúas iniciativas orientadas a reforzar a igualdade de oportunidades no ámbito educativo e a reducir o impacto económico que os gastos escolares supoñen para as familias do municipio. As propostas foron defendidas pola portavoz municipal nacionalista, Pilar Bellón, quen puxo o foco na necesidade de facilitar o acceso do alumnado ás actividades educativas e culturais e de ofrecer apoio económico aos fogares.

A primeira das mocións foi aprobada por unanimidade e solicita que o Concello do Corgo habilite unha partida económica específica para que cada ano se poida ofrecer ás familias do alumnado do CEIP unha excursión ou viaxe cultural. A medida busca garantir que todos os nenos e nenas poidan participar neste tipo de actividades independentemente da situación económica das súas familias.

Pilar Bellón destacou que as experiencias educativas desenvolvidas fóra da aula permiten reforzar a convivencia e ampliar o acceso á cultura, ademais de contribuír á aprendizaxe e ao coñecemento da contorna. Desde a formación nacionalista sinalaron que a organización destas actividades adoita representar dificultades económicas e organizativas para moitas familias, polo que consideran necesario o apoio municipal para evitar que algún alumno quede excluído.

A segunda proposta presentada polo BNG apostaba pola creación dunha liña municipal de axudas dirixidas a todos os niveis educativos, compatible con outras subvencións xa existentes. Esta iniciativa contemplaba apoio para a adquisición de material escolar e tamén para cubrir gastos relacionados co transporte, aínda que finalmente foi rexeitada no pleno.

A portavoz nacionalista lamentou a falta de apoio á medida ao considerar que respondía a necesidades reais de numerosas familias do municipio, especialmente nun contexto no que os custos asociados á educación continúan aumentando. Bellón defendeu ademais o papel das administracións locais á hora de contribuír a facilitar o día a día dos fogares e garantir a igualdade de oportunidades.

O BNG do Corgo reafirma así a súa aposta por un ensino público accesíbel e por políticas municipais destinadas a apoiar ás familias, fixar poboación e ampliar as oportunidades para a infancia e a mocidade do concello.

0.12266993522644