O BNG fai un chamamento desde Lugo á cidadanía galega a frear a militarización a través dunha campaña

GaliciaXa | LugoXa
O Bloque convida á veciñanza a asistir mobilización social contra o desfile militar previsto en Vigo o próximo 30 de maio de 2026
campana-militarizacion-bng
13 May 2026

O BNG presentou este mércores en Lugo a campaña “Na Galiza: paz, soberanía e dereitos”, nun acto no que participaron a Secretaria Nacional de Organización do BNG, Lucía López, e o Secretario Xeral de Galiza Nova, Artai Gavilanes, xunto a integrantes dos Consellos Comarcais da Mariña, Lugo Centro e Lugo Sul.

Durante a comparecencia, Lucía López advertiu da “crecente militarización da vida pública impulsada descaradamente desde institucións do Estado e asumida con total naturalidade polo PP desde a Xunta de Galiza”, denunciando a ofensiva política e mediática “para normalizar o militarismo e introducir a cultura da guerra na sociedade galega”.

A dirixente nacionalista sinalou que o actual contexto internacional está marcado por “unha dinámica da guerra impulsada pola OTAN e polos Estados Unidos moi perigosa”, que tamén ten consecuencias directas na Galiza “en forma de aumento dos prezos e carestía da vida”.

López criticou ademais o incremento do gasto militar tanto por parte do Estado como da Xunta, lembrando que o Goberno galego puxo en marcha unha “Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo” coa que pretende mobilizar máis de 900 millóns de euros vinculados ao sector militar e da defensa. “Estamos falando de centos de millóns de euros públicos para alimentar a industria militar mentres continúan sen resolverse problemas gravísimos en sanidade, vivenda ou dependencia”, afirmou.

Na súa intervención, tamén denunciou a presenza crecente de actividades militares en espazos públicos e educativos, facendo referencia aos actos desenvolvidos estes días nas comarcas de Lugo coa presenza da Garda Real. “É intolerábel utilizar crianzas para campañas de propaganda militar e de branqueamento da monarquía española”, asegurou.

Pola súa banda, Artai Gavilanes advertiu de que “a decisión de traer a Garda Real a Lugo e a outras comarcas do interior do país non é unha decisión casual nin arbitraria”, senón unha operación “para facer propaganda ideolóxica, enaltecer o españolismo e reforzar a idea de sacrosanta unidade do Estado español”.

O Secretario Xeral de Galiza Nova denunciou tamén a utilización da infancia e da mocidade para “normalizar entre a xente máis nova o militarismo”, criticando as actividades organizadas pola Garda Real nos últimos días. “Non van empregar á mocidade galega como carne de canón para as súas guerras”, afirmou.

Gavilanes reivindicou o compromiso de Galiza Nova co antimilitarismo e co antiimperialismo, asegurando que “o exército español e a monarquía son os dous piares que garanten a opresión nacional ao noso pobo”. Ademais, chamou á mobilización social contra o desfile militar previsto en Vigo o próximo 30 de maio.

O BNG avanzou que continuará desenvolvendo esta campaña ao longo do país e reiterou a súa petición de cancelación do desfile militar previsto en Vigo, ademais de facer un chamamento á participación na manifestación nacional convocada pola Plataforma Galiza pola Paz. Ademais, esta tarde ás 19.30 horas celebrarase no C.C. Uxío Novoneyra de Lugo un faladoiro enmarcado na campaña e que contará coa participación de Bieito Lobeira, membro do Consello Nacional do BNG, e de Olalla Rodil, deputada do BNG no Parlamento de Galiza.

0.12755703926086