O BNG impulsa unha recollida de sinaturas para reclamar á Xunta a creación dun gran parque central en Lugo

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou o inicio dunha campaña de recollida de sinaturas a través da plataforma Change.org co obxectivo de solicitar á Xunta de Galicia que impulse a creación dun Gran Parque Central no espazo que actualmente ocupa a estación de autobuses da cidade.
Segundo explicou Arroxo, trátase dunha proposta “seria que conta co consenso da veciñanza” e que permitiría avanzar na transformación urbana de Lugo mediante a creación dun amplo espazo verde de máis de 27.000 metros cadrados.
A iniciativa contempla integrar os xardíns da Praza da Constitución e establecer unha conexión directa coa Praza de Bretaña e co Vello Cárcere, configurando así unha nova área verde no centro urbano e ao pé da Muralla de Lugo. Para o portavoz nacionalista, a actuación permitiría crear un gran pulmón verde integrado no casco histórico da cidade.
Entre as actuacións previstas, o BNG propón tamén a construción dun paso soterrado para vehículos que conecte a rúa Dinán coa avenida Anxo López Pérez. Segundo detallou Arroxo, esta solución permitiría eliminar na práctica o tráfico rodado na superficie desta zona, favorecendo un espazo máis amable para o uso peonil e para o lecer da veciñanza.
A proposta inclúe igualmente a habilitación dunha parada para aquelas liñas de transporte interurbano que desexen realizar parada neste punto da cidade, mentres que o resto do espazo se destinaría ao que o BNG define como o futuro Parque Central de Lugo, concebido como unha nova praza verde integrada no casco histórico.
A veciñanza interesada en apoiar esta iniciativa pode facelo a través da ligazón habilitada na plataforma dixital. Desde o BNG reclámase á Xunta de Galicia que elabore este proxecto procurando “o consenso social e político”, e sublíñase que a renovación do ámbito da actual estación de autobuses supón unha oportunidade para que a administración autonómica demostre a súa vontade de investir en Lugo e mellorar a cidade.
Durante o ano 2025, a formación nacionalista xa recadou o apoio de máis dun milleiro de veciñas e veciños para impulsar a creación deste novo espazo verde nos terreos da estación de autobuses. Segundo indicou Arroxo, o grupo municipal continuará traballando para que a Xunta execute “a mellor solución posible” para esta área da cidade.