O BNG insta ao Goberno local de Lugo a iniciar o repintado da sinalización horizontal da cidade

LugoXa
Alexandre Penas reclama que se aproveite o verán para executar estes traballos e lembra que o orzamento municipal reserva 100.000 euros para o seu mantemento
alexandre-penas
Alexandre Penas
12 Jul 2026

O BNG levará ás comisións municipais do Concello de Lugo unha iniciativa para reclamar ao Goberno local que inicie os traballos de repintado da sinalización horizontal da cidade. O concelleiro nacionalista Alexandre Penas considera que se trata dunha actuación “imprescindible para garantir a seguridade vial” e critica que, chegado o mes de xullo, estas intervencións aínda non se puxeran en marcha.

Penas asegura que o Executivo municipal volve evidenciar a súa “falta de planificación e de proxecto para Lugo” ao non aproveitar o período estival para executar estes traballos. Segundo explicou, o verán ofrece as condicións máis axeitadas para este tipo de actuacións, xa que as temperaturas favorecen un mellor resultado no pintado da sinalización horizontal.

O edil nacionalista critica que “o goberno segue sen iniciar os traballos de repintado malia que xa estamos en xullo” e contrapuxo esta situación á etapa na que o BNG dirixía a área de Infraestruturas. “Nos anos anteriores desde o BNG dirixindo a área de Infraestruturas traballamos para que os traballos se realizasen cando as condicións climatolóxicas garantisen un bo acabado, agora vemos como o PP non ten capacidade para atender a cuestións básicas pero moi necesarias para o día a día da cidade”, afirma Penas.

Desde o Bloque lembran tamén que o orzamento municipal inclúe unha partida de 100.000 euros destinada ao mantemento da sinalización horizontal, polo que consideran que “non hai escusas para non executar estes traballos en tempo e forma”.

Ademais, sinalan que unha correcta sinalización horizontal contribúe a mellorar tanto a mobilidade como a seguridade viaria e a accesibilidade, polo que fan especial fincapé na importancia de manter en boas condicións os pasos de peóns.

0.14259815216064