O BNG leva ao Parlamento a proposta para crear un gran parque central na estación de autobuses de Lugo

LugoXa
A iniciativa busca que a Xunta impulse o proxecto tras a apertura da intermodal e propón consultar á veciñanza sobre o futuro da zona
BNG-Gran-Parque-Central-Lugo
17 Apr 2026

O BNG vén de rexistrar no Parlamento galego unha batería de iniciativas co obxectivo de instar á Xunta a crear un gran parque central no espazo que ocupa actualmente a estación de autobuses de Lugo, que quedará sen uso unha vez entre en funcionamento a nova intermodal.

A deputada do BNG Olalla Rodil explicou que a proposta recolle unha iniciativa do grupo municipal en Lugo que xa foi aprobada no pleno en febreiro de 2025 e que conta cun amplo respaldo social. Rodil cualificou o proxecto como estratéxico para o futuro da cidade, tanto pola súa capacidade de transformación urbana como pola recuperación de espazos públicos para uso da cidadanía, un dos eixos centrais da acción política da formación.

Neste sentido, a parlamentaria sinalou que esta iniciativa tamén obrigará ao Partido Popular a clarificar a súa postura respecto ao futuro da estación de autobuses, criticando os cambios de criterio da formación nos últimos anos. Segundo indicou, o proxecto que o PP defendía no ano 2020 foi posteriormente descartado sen explicacións claras.

Pola súa banda, o portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, lembrou que “en menos de 6 meses estará rematada a estación intermodal”, o que suporá o traslado dos autobuses e deixará o actual emprazamento sen uso. Arroxo criticou a xestión da Xunta en distintos espazos da cidade, citando casos como a Vella Residencia, que permaneceu 13 anos abandonada, ou inmobles da Tinería como o Pazo de Dona Urraca e a Casa Torre, paralizados durante 17 anos, así como o Cuartel de San Fernando, onde, segundo indicou, non se cumpriron os compromisos anunciados.

O portavoz nacionalista destacou que esta proposta leva tempo sendo difundida e conta cun importante apoio veciñal. Ademais, valorou positivamente a existencia doutras alternativas para o uso do espazo, defendendo que sexa a cidadanía quen decida mediante un referendo entre as distintas opcións.

Rodil tamén criticou a falta de investimento do Goberno galego na estación de autobuses, lembrando que a última actuación do Executivo do PP foi de 47.600 euros destinados a melloras menores como a substitución de bancos, a colocación de plantas ou traballos de pintura, o que, ao seu xuízo, evidencia a falta de aposta pola súa rehabilitación durante anos.

0.14625191688538