O BNG levará ao Congreso iniciativas para defender as razas autóctonas galegas

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) defenderá no Congreso dos Deputados medidas para apoiar as razas autóctonas galegas e mellorar as condicións do sector agrogandeiro. Así o trasladou este domingo Olalla Rodil, cabeza de lista da formación ao Congreso por Lugo, durante a súa visita á XV Expo-Degustación da Galiña de Mos, celebrada na parroquia de San Xiao de Mos, en Castro de Rei.
Rodil acudiu acompañada pola concelleira do BNG en Castro de Rei, Olga García, e por militantes da formación na localidade. Durante a visita, a candidata puxo o foco na importancia de preservar as razas autóctonas e de impulsar iniciativas que contribúan á rendibilidade das explotacións e ao desenvolvemento do rural.
O BNG propón impulsar políticas de apoio á produción leiteira e agrogandeira, así como á industria transformadora. A formación tamén aposta por fomentar os circuítos curtos de comercialización, facilitar a transformación dos produtos por parte das propias persoas produtoras e promover unha produción diferenciada e de calidade.
A Galiña de Mos, símbolo do rural galego
A XV Expo-Degustación da Galiña de Mos volveu reunir criadores, produtores, veciñanza e visitantes arredor dunha das razas autóctonas máis representativas da avicultura galega. A cita está organizada pola Asociación Avimós de Avicultores da Raza Galiña de Mos e pola Asociación de Veciños de San Xiao.
Ao longo da xornada desenvolvéronse actividades divulgativas, exposicións e degustacións gastronómicas, ademais de espazos de encontro para dar a coñecer esta raza e o seu valor no sector primario galego.
Rodil destacou o traballo das asociacións implicadas na conservación da Galiña de Mos e na promoción dun modelo produtivo ligado ao territorio. 'A Galiña de Mos é un símbolo da nosa identidade, do noso xeito de producir e de entender o rural', afirmou.
A candidata tamén salientou que o labor de Avimós e do movemento asociativo da zona permitiu conservar esta raza e poñer en valor unha produción vinculada á terra, sustentable e de proximidade.
A formación nacionalista defende que o apoio ás razas autóctonas debe acompañarse de medidas institucionais que reforcen a viabilidade económica das explotacións e contribúan a manter a actividade produtiva e a poboación no rural galego.