O BNG levará ao pleno a desaparición da programación cultural infantil de verán en Lugo

LugoXa
A formación nacionalista pedirá explicacións pola supresión dos ciclos 'Tarde e Tardiña' e 'O Que queda de verán', que cualifica de referentes para as familias lucenses
programa-veran-Tarde-e-Tardiña-Lugo
20 Jul 2026

O Grupo Municipal do BNG preguntará no vindeiro pleno do Concello de Lugo pola ausencia de programación cultural infantil durante este verán, tras a desaparición de ciclos consolidados como 'Tarde e Tardiña' e 'O Que queda de verán'.

A concelleira nacionalista Maite Ferreiro asegurou que ambas iniciativas deixaron de celebrarse este ano "despois de moitos anos de éxitos de programación", o que, ao seu xuízo, deixa ás crianzas e ás familias lucenses sen unha alternativa cultural durante os meses estivais.

Segundo lembra o BNG, a praza Anxo Fernández Gómez convertérase nos últimos anos nun espazo de referencia para a programación infantil durante xullo, agosto e setembro, acollendo espectáculos de compañías recoñecidas tanto a nivel estatal como internacional.

A formación destaca que por este escenario pasaron propostas distinguidas con galardóns como os Premios IVC das Artes Escénicas Valencianas, os Premios Fetén, considerados unha referencia nas artes escénicas para a infancia, os Premios Lorca, ademais de espectáculos recoñecidos en festivais como o Festival de Circ de Terrassa, Festival Cucha Úbeda, Festival Circorts, Festival Arca, Festival Zirkualde, Festival Temudas ou o Festival Arisc-Arte Vinaròs.

Desde o BNG sosteñen que estes ciclos constituían unha proposta "consolidada e moi valorada pola veciñanza" e lamentan que este sexa o primeiro ano no que o Goberno local decide non mantelos.

Por este motivo, a formación nacionalista solicitará explicacións ao executivo municipal sobre os motivos da cancelación destas actividades, que considera "unha mostra máis do pouco compromiso do Goberno do PP cunha programación estable e de calidade tamén para o público infantil", segundo manifestou Maite Ferreiro.

0.12247681617737