O BNG levará ao pleno a falta de persoal no servizo municipal de Atención Cidadá de Lugo

A concelleira do BNG Cristina López anunciou que a súa formación defenderá no vindeiro pleno municipal unha iniciativa para instar ao goberno local a dotar o servizo de Atención Cidadá de "todo o persoal necesario". A edil considera que se trata dun servizo "esencial", ao constituír "a porta de entrada para a realización de trámites co Concello" e un dos principais puntos de contacto entre a Administración e a veciñanza.
A iniciativa chega despois de que nas últimas semanas se fixesen públicas numerosas queixas polas longas esperas para recibir atención nalgúns dos postos municipais. López considera que estas colas evidencian a falta de efectivos e o que cualifica como unha mala xestión do goberno do PP. "As longas colas que podemos ver neste servizo son unha mostra da falta de persoal e da mala xestión do PP", afirmou.
Segundo a concelleira, esta situación repercute na calidade da atención pública e obriga os usuarios a dedicar máis tempo do necesario á realización de trámites administrativos que deberían resolverse con maior axilidade.
O servizo de Atención Cidadá engloba diferentes dependencias con elevada demanda, entre elas o Padrón Municipal, o Rexistro Xeral, o Cemiterio Municipal e Augas. Por este motivo, o BNG considera necesario reforzar o cadro de persoal para poder asumir o volume de traballo durante todo o ano. A formación tamén advirte de que a falta de efectivos non só afecta á veciñanza, senón que incrementa a carga de traballo dos profesionais que atenden estes servizos.
Ademais da incorporación do persoal necesario, o BNG reclama dotar estas dependencias dos medios materiais precisos para garantir unha atención "axeitada, áxil e de calidade", adaptada á demanda real da cidadanía.