O BNG levará ao Pleno provincial a situación dos traballadores de Muebles Hermida

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
31 Dec 2019

O BNG reclama a mediación urxente da Xunta de Galiza na busca dunha solución que facilite a viabilidade de Muebles Hermida despois de que traballadores, sindicatos e dirección da empresa fosen chamados a unha reunión o vindeiro venres 3 de xaneiro.

A formación nacionalista dá eco a preocupación dos preto de cen traballadores da empresa que teñen pendente o cobro de catro nóminas e que agardan con inquedanza novas sobre o futuro da fábrica de mobles, en concurso de acredores desde comezos de decembro.

A situación pola que atravesa a empresa, centro de traballo fundamental nos concellos de Lourenzá e Mondoñedo, chegará  ao derradeiro pleno provincial do ano, que se celebra mañá venres. A corporación debaterá unha moción impulsada polo BNG de Lourenzá que urxe ao goberno galego a buscar unha solución que facilite a continuidade da empresa e o mantemento dos postos de traballo, e que incide na necesidade de axilizar os procedementos para que o cadro de persoal perciba os salarios pendentes.

O BNG argumenta que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), principal acredor da empresa cunha débeda de 4,5 milóns de euros, debería tomar cartas no asunto e garantir a actividade e os postos de traballo para non deixar morrer a empresa.

A formación nacionalista lembra que esta é a segunda ocasión en menos de dez anos na que a empresa pasa por unha situación semellante -en 2011 presentou un ERE que reduciu o cadro de persoal á metade- e denuncia o desamparo dos traballadores fronte á empresa a pesar das importantes axudas públicas que ten recibido.

0.17611813545227