O BNG levará ao pleno unha iniciativa para reforzar as frecuencias do transporte metropolitano en Lugo

LugoXa
A formación insta á Xunta a analizar a rede e incrementar servizos nas zonas rurais con demanda acreditada
declaracións-BNG-antes-do-pleno-Concello-de-Lugo
17 Feb 2026

O BNG de Lugo defenderá no vindeiro pleno municipal unha proposta para instar á Xunta de Galicia a avaliar a situación actual da rede metropolitana de transporte e aumentar as frecuencias naqueles corredores onde exista demanda. O obxectivo é facilitar que a veciñanza do rural dispoña de máis opcións de mobilidade para achegarse á cidade e aos concellos integrados nesta rede.

O portavoz nacionalista, Rubén Arroxo, sinalou que o novo modelo de mobilidade no que traballa o Concello, con maior presenza de bus urbano e coa implantación do transporte rural a demanda, podería verse reforzado cun incremento das conexións interurbanas. Ao seu xuízo, contar con máis expedicións permitiría mellorar a conexión da poboación rural tanto coa capital lucense como cos municipios da área metropolitana.

Desde o BNG lembran que numerosas asociacións veciñais do rural levan tempo reclamando unha mellora dos servizos, non só no ámbito municipal senón tamén no transporte metropolitano que xestiona a administración autonómica. Arroxo puxo como exemplo as demandas da asociación veciñal Rebordaos-Veral, que solicita reforzar o servizo nas parroquias próximas á estrada LU-232. Estes núcleos están atendidos pola liña Lugo-Friol, que actualmente conta con tres servizos diarios, unha cifra que a veciñanza considera insuficiente para cubrir as súas necesidades.

Segundo o portavoz nacionalista, estas queixas repítense en distintos puntos do rural lucense, como nos núcleos comunicados pola estrada de Portomarín, pola da Fonsagrada ou na zona de Ombreiro, onde nos últimos anos se teñen sucedido peticións para ampliar as frecuencias e adaptar os horarios á realidade da poboación.

O BNG defende o transporte público como un servizo esencial que contribúe a reducir a contaminación e a conxestión viaria, mais insiste en que debe planificarse atendendo ás necesidades reais do territorio e das persoas usuarias, que cada vez optan máis por este modelo fronte ao vehículo privado.

⚙ Configurar cookies
0.081137180328369