O BNG organizará en Lugo unha charla sobre paz, soberanía e dereitos

LugoXa
O encontro contará coa participación de Bieito Lobeira e Olalla Rodil e abordará os retos políticos, sociais e internacionais actuais
reparto-informativo-charla-BNG-Lugo
12 May 2026

O BNG de Lugo realizou un reparto informativo por distintos puntos da cidade para dar a coñecer o faladoiro “Na Galiza: paz, soberanía, dereitos”, que terá lugar mañá, mércores 13 de maio, ás 19:30 horas no Centro Cultural Uxío Novoneyra.

O acto contará coa participación de Bieito Lobeira e de Olalla Rodil. A iniciativa busca abrir un espazo de reflexión e debate arredor das principais cuestións de actualidade internacional e do papel que Galiza debe desempeñar diante dos retos políticos, sociais e económicos do contexto actual.

Durante a charla abordaranse cuestións relacionadas coa defensa da paz, o rexeitamento da escalada bélica e do militarismo, así como a necesidade de avanzar cara a maiores cotas de soberanía política, económica e social para Galiza. Tamén se tratarán temas vinculados á defensa dos dereitos sociais, á protección dos servizos públicos, ao impacto dos conflitos internacionais sobre a cidadanía e ao papel dos pobos na construción de alternativas baseadas na xustiza social e na cooperación.

Olalla Rodil destacou a importancia de promover espazos de debate público “nun momento marcado pola incerteza internacional e polo aumento das tensións militares en Europa e no mundo”. Pola súa banda, o portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, valorou positivamente a celebración deste encontro e subliñou “a necesidade de abrir espazos de diálogo e reflexión colectiva sobre cuestións que afectan directamente ao presente e ao futuro da sociedade galega”.

Rodil insistiu en que “Galiza ten que facer escoitar a súa voz en defensa da paz, dos dereitos sociais e dunha sociedade máis xusta, fronte a quen aposta pola confrontación e polo incremento do gasto militar”.

Desde o BNG de Lugo animaron á cidadanía lucense a participar tanto na charla como no coloquio posterior, co obxectivo de fomentar un debate aberto sobre os desafíos actuais e sobre o papel que Galiza debe desempeñar ante eles.

0.14411902427673