O BNG participou na manifestación nacional pola Sanidade Pública
O BNG participou na manifestación nacional pola Sanidade Pública onte pola mañá en Santiago de Compostela en defensa dunha sanidade pública de calidade e contra os recortes da Xunta.
A portavoz do BNG de Viveiro Míriam Bermúdez dixo que, "o PP con Feixóo á cabeza e coa escusa da crise, aplicou duras políticas de recortes e fixo modificacións lexislativas e organizativas que danaron gravemente a Sanidade Pública de Galiza, como son a redución de orzamentos, de centros de profesionais, de camas hospitalarias, privatizacións e externalización de servizos esenciais, derivacións de doentes a centros privados, listas de agarda disparadas, colapsos de urxencias, desatención clamorosa da saúde mental e das mulleres."
A portavoz nacionalista continuou "a Atención Primaria foi o ámbito da sanidade pública galega que con máis intensidade sufriu os recortes, e o Centro de Saúde de Viveiro fica como claro exemplo con: masificación de consultas, cupos desbordados, redución de profesionais, a non substitución de persoal, listas de agarda de máis dunha semana para medica/o de familia, peche de axendas, saturacións, ausencia de pediatras, PACs ao límite... Así como o Hospital comarcal de Burela que foi desmantelado progresivamente, eliminando servizos e especialidades, até ir converténdoos en ambulatorios que non poden dar resposta ás necesidades da poboación da Mariña."