O BNG pide ao Concello de Lugo medidas para reducir o consumo de auga ante a prealerta por desabastecemento

O BNG de Lugo reclamou ao Goberno municipal a posta en marcha de medidas orientadas a reducir o consumo de auga na cidade tras a activación, por parte da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, do nivel amarelo de prealerta por posible desabastecemento.
A formación considera necesario actuar de forma preventiva ante a diminución dos caudais e planificar actuacións que permitan garantir o abastecemento durante os meses de verán, especialmente nun contexto marcado pola seca e os efectos do cambio climático.
Entre as medidas que xa se aplicaron en anos anteriores figuran a redución do volume de auga destinado ao rego de xardíns e ao baldeo das rúas. O BNG lembra tamén que noutros municipios se adoptaron restricións relacionadas co enchido de piscinas ou a limpeza de vehículos e fachadas para favorecer un uso máis eficiente dos recursos hídricos.
Segundo a formación nacionalista, a situación actual require que o Concello avalíe posibles actuacións para limitar os consumos non esenciais e optimizar a utilización da auga dispoñible.
O portavoz municipal do BNG, Rubén Arroxo, reclamou ao Goberno local que actúe "coa máxima responsabilidade" e que impulse medidas que permitan garantir os servizos públicos tendo en conta os recursos existentes. Arroxo defendeu ademais a necesidade de deseñar estratexias a longo prazo para asegurar o abastecemento de auga durante todo o verán.