O BNG pide ao Concello de Lugo que adapte os horarios do persoal municipal para facer fronte ás altas temperaturas

LugoXa
A formación nacionalista reclama medidas de prevención para os traballadores que desenvolven a súa actividade ao aire libre e insta o Goberno local a manter e ampliar as iniciativas aplicadas o pasado verán
BNG rubén arroxo
7 Jul 2026

O BNG de Lugo solicitou ao Goberno municipal a posta en marcha de medidas específicas para protexer a saúde do persoal municipal ante as altas temperaturas que se rexistran durante o verán e que, segundo sinala a formación, están a alcanzar valores especialmente elevados nos últimos anos.

O portavoz nacionalista, Rubén Arroxo, considerou necesario adaptar os horarios de traballo dos servizos que realizan a súa actividade no exterior, como as brigadas municipais, co obxectivo de evitar que o persoal desempeñe as súas funcións durante as horas centrais da xornada, cando se alcanzan as temperaturas máis elevadas.

Arroxo lembrou que distintos estudos alertan das consecuencias do calor extremo sobre a saúde, chegando a incrementar o risco de mortalidade ata nun 60 %, especialmente entre as persoas expostas ao aire libre durante períodos prolongados. Neste sentido, defendeu que esta situación non debe abordarse unicamente desde a perspectiva laboral, senón tamén como unha cuestión de saúde pública e de prevención de riscos.

O portavoz do BNG tamén recordou que o Concello xa aplicou medidas deste tipo durante o verán de 2025, adaptando horarios e protocolos en determinados servizos municipais. Por iso, pediu ao actual Goberno local do PP que manteña e amplíe estas iniciativas para reforzar a protección e o benestar das traballadoras e traballadores municipais.

Segundo destacou a formación nacionalista, o pasado ano modificáronse os horarios de distintos servizos que desenvolven a súa actividade no exterior, como o Cemiterio Municipal e outros equipos que traballan na vía pública, co propósito de reducir a exposición tanto do persoal como das persoas usuarias aos riscos derivados das altas temperaturas, priorizando en todo momento a seguridade e o benestar dos empregados municipais.

0.12444877624512