O BNG pide ao Goberno local información sobre as actividades de conciliación previstas para o verán

LugoXa
Maite Ferreiro reclama que o Concello detalle canto antes a programación e o número de prazas para facilitar a organización das familias lucenses
Maite-Ferreiro-Concello-de-Lugo
9 Jun 2026

A concelleira do BNG en Lugo, Maite Ferreiro, anunciou que a súa formación solicitará explicacións ao Goberno municipal sobre a oferta de actividades de conciliación prevista para os próximos meses de verán, coincidindo coa recta final do curso escolar e coa necesidade de moitas familias de planificar o coidado das crianzas durante as vacacións.

Ferreiro destacou que o remate das clases está xa moi próximo, polo que considera necesario que o Concello informe con urxencia sobre as actividades que ten previsto organizar e sobre o número de prazas que se poñerán á disposición da cidadanía. Segundo indicou, contar con esta información de maneira anticipada resulta fundamental para que as familias poidan organizarse adecuadamente.

A representante nacionalista defendeu que as políticas de conciliación constitúen unha ferramenta esencial para favorecer a igualdade e prestar apoio ás familias, especialmente durante os meses estivais, cando desaparecen os horarios e servizos vinculados á actividade escolar habitual.

Neste sentido, Maite Ferreiro reclamou unha programación suficiente, accesible e adaptada ás necesidades reais da veciñanza, co obxectivo de ofrecer alternativas que permitan compatibilizar a vida laboral e familiar durante o período vacacional.

O BNG trasladará estas cuestións á próxima comisión de política social e conciliación, onde solicitará ao Executivo municipal que facilite toda a información dispoñible sobre a campaña de verán para que as familias de Lugo poidan coñecer con antelación a oferta e organizar a súa planificación.

0.11960101127625