O BNG pide ao Goberno local que aclare se apoiará a ampliación do Pazo Provincial dos Deportes

LugoXa
Rubén Arroxo levará a cuestión á comisión de Deportes para coñecer a postura do Concello sobre un proxecto que prevé crear unhas 1.000 novas prazas
Pazo-dos-Deportes-Lugo-portada
10 Jul 2026

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que formulará unha serie de preguntas ao Goberno municipal para coñecer a súa postura respecto ao proxecto de ampliación do Pazo Provincial dos Deportes.

Arroxo explicou que, tras coñecerse o estudo elaborado sobre esta actuación, considera necesario que as distintas administracións definan con claridade se están dispostas a colaborar para facer realidade unha infraestrutura que cualificou de "clave para o deporte lucense".

O edil nacionalista lembrou que o Partido Popular "foi moi reivindicativo con esta cuestión no pasado" e criticou que, desde que asumiu responsabilidades de goberno, "semella que desapareceu do mapa e evita posicionarse".

Neste contexto, anunciou que o BNG levará o asunto á comisión municipal de Deportes para solicitar un "posicionamento claro" do Executivo local. Segundo sinalou, "agora xa non valen as palabras, temos un proxecto enriba da mesa e o PP ten que mollarse e dicir claramente se vai ou non apoiar esta ampliación".

O estudo promovido pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo propón unha reforma que permitiría incrementar a capacidade do Pazo Provincial dos Deportes en arredor de 1.000 localidades, cun investimento estimado de 13 millóns de euros.

A iniciativa xa foi trasladada tanto ao Concello de Lugo como á Xunta de Galicia. A proposta contempla a construción dunha nova estrutura perimetral no exterior do edificio para habilitar novos corredores de distribución e evacuación, permitindo destinar os espazos actuais á instalación de bancadas fixas. Esta actuación incrementaría a superficie construída do inmoble e ampliaría a capacidade do recinto deportivo.

0.11931490898132