O BNG pide explicacións sobre a ausencia do servizo de socorrismo na contorna do río en Lugo

LugoXa
Rubén Arroxo rexistrará unha pregunta ao Goberno local para coñecer se o dispositivo estival está operativo e reclama medidas urxentes para garantir a seguridade
BNG-río-Miño-Lugo
8 Jul 2026

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o seu grupo rexistrará unha pregunta dirixida ao Goberno municipal para coñecer se o servizo de socorrismo na contorna do río está a funcionar durante a presente tempada estival nas mesmas condicións que en anos anteriores.

Desde a formación nacionalista lembran que este dispositivo leva prestándose durante os últimos veráns e aseguran que, polo momento, non existe información pública sobre a súa posta en marcha. Segundo indicou Arroxo, a veciñanza que frecuenta esta zona trasladou ao BNG que o servizo non estaría operativo.

O portavoz nacionalista destacou que este dispositivo resulta esencial para garantir a seguridade das persoas que utilizan a contorna fluvial durante os meses de verán, especialmente nos días de maior calor, cando aumenta a afluencia de usuarios. Aínda que recoñeceu que a zona non conta cun acceso formalizado, lembrou que numerosas persoas acoden igualmente ao río para refrescarse, polo que considera necesaria a presenza de persoal cualificado que poida actuar ante calquera emerxencia.

O BNG sostén que a ausencia deste servizo supón un risco innecesario para a cidadanía e reclama ao Executivo local que actúe con responsabilidade, adoptando as medidas necesarias para garantir a seguridade neste espazo.

Rubén Arroxo criticou ademais a xestión do Goberno municipal, ao que acusa de actuar con improvisación. O portavoz nacionalista asegurou que esta situación se suma á polémica xerada polo acceso fixo ao río, que finalmente tivo que ser retirado, e afirmou que o Executivo do PP "non ten proxecto para Lugo" e está a frear a mellora da cidade.

0.13431906700134