O BNG pide manter a unidade de psiquiatría infanto-xuvenil do HULA

LugoXa
Olalla Rodil demandou, tamén, actualizar as infraestruturas da unidade e o seguimento de pacientes fóra deste espazo.
unidade siquiatria infanto xuvenil hula
unidade siquiatria infanto xuvenil hula
23 ene 2024

Olalla Rodil demandou, tamén, actualizar as infraestruturas da unidade e o seguimento de pacientes fóra deste espazo.

A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil defendeu a necesidade de manter e mellorar os medios destinados á unidade de psiquiatría infanto-xuvenil do HULA e garantir a correcta atención á saúde mental da poboación máis nova de Lugo.

A proposta do BNG inclúe deseñar circuítos de entrada e de saída do hospital de día, para garantir a comunicación entre profesionais dos diferentes niveis asistenciais e o correcto acompañamento e seguimento posterior das pacientes fóra da unidade. Asemade, elaborar un plan para a adecuación do espazo e mellora das infraestruturas desta unidade.

A candidata do BNG por Lugo incidiu na necesidade de "aumentar a dotación de recursos humanos e materiais que permitan ter o maior número de camas posible para a unidade e establecer un plan global para dotar a todas as áreas sanitarias de Galicia de unidades de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil".

Desde o BNG, explicou a nacionalista, levamos moito tempo traballando para esixir melloras na atención á saúde mental da poboación. Melloras urxentes que tropezan continuamente co veto do Partido Popular. Neste sentido, criticou que o PP careza de “planificación, orzamento e medidas de prevención na saúde mental da poboación”.

Suicidio de 331 persoas no ano 2021, 23 menores de 30 anos e 9 menores de 20

Os datos publicados polo Imelga, no ano 2021, explicou a nacionalista, recollen o suicidio de 331 persoas das que 23 eran menores de 30 anos e 9 menores de 20 . Se nos centramos en Lugo, a provincia presenta o maior número de suicidios en termos porcentuais, cunha cifra de 16 suicidios por cada 100.000 habitantes, por riba do 12,28 % que presenta Galiza, e por riba da taxa estatal que se sitúa no 7,79%, e a europea co 11,93%.

O suicidio na mocidade é a primeira de causa de morte non natural no noso país e investigacións recentes da OMS indican que o suicidio é a cuarta causa principal de morte entre a mocidade de 15 a 19 anos.

Por outra parte, Segundo datos publicados pola propia da Organización Mundial da Saúde (OMS), “unha de cada sete mozas padece algunha doenza de saúde mental” e o Foro Europeo da Mocidade constatou que, tras a pandemia, “case dous de cada tres mozos/as poden verse afectados/as por problemas de saúde mental” relacionados coa contorna socioeconómica da mocidade.

Na actualidade, engadiu a Rodil, detectamos “un preocupante incremento nos trastornos aditivos, tanto adicións con substancia e unha importante adición ao xogo” ao que sumou trastornos na conduta alimentaria.

Unidade de psiquiatría do HULA, referencia para 40.000 menores da provincia

A unidade de psiquiatría infanto-xuvenil do HULA é a referencia para as case 40.000 menores que viven na provincia de Lugo, reiterou a candidata do BNG, unha unidade “cun cadro de persoal extremadamente reducido”. A pesar desta grande poboación reiterou que a unidade conta cun cadro de persoal extremadamente reducido, “ dúas psiquiatras, dúas psicólogas, dúas enfermeiras, unha terapeuta ocupacional e unha traballadora social”.

Ademais “da escaseza de persoal” salientou “o desleixo organizativo” e explicou que non existe ningunha canle para derivar pacientes a este hospital de día. “Se unha pediatra dun centro de saúde, ou unha médica de familia detecta unha paciente que se beneficiaría do seguimento nesta unidade, neste hospital de día, ten que buscarse a vida, e intentar contactar como poida coa psiquiatra, coa psicóloga ou coa enfermeira para expoñerlle o caso”.