O BNG pide reducir o prazo de redacción do proxecto do Pazo de Dona Urraca

LugoXa
A iniciativa nacionalista reclama axilizar os traballos do novo plan de rehabilitación do inmoble, cuxa redacción está fixada en 35 meses
bng-pazo-dona-urraca
13 Jun 2026

O BNG levará ao vindeiro pleno municipal unha proposición para instar á Xunta de Galiza a reducir o prazo previsto para a redacción do proxecto de rehabilitación do Pazo de Dona Urraca, no barrio da Tinería.

O portavoz do grupo nacionalista no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, cualificou de excesivo o horizonte temporal fixado para a elaboración do documento técnico e advertiu de que este calendario supón un novo atraso nun espazo que, segundo lembrou, leva anos pendente de actuacións integrais.

Arroxo defendeu que o inmoble “podería estar xa completamente rehabilitado e ser un referente”, e vinculou a situación actual coa paralización de proxectos anteriores. Neste sentido, sinalou que o BNG xa impulsara unha proposta para a Tinería cando tivo responsabilidades en materia de vivenda, un proxecto que, segundo indicou, recibira recoñecemento internacional ao ser distinguido co Premio Dubai de Boas Prácticas da ONU.

O dirixente nacionalista afirmou que a chegada do Partido Popular á Xunta no ano 2009 supuxo a paralización das actuacións previstas no barrio e criticou que o edificio permanecese en estado de abandono durante anos tras a renuncia ao proxecto anterior en 2010.

En relación coa nova planificación autonómica, Arroxo apuntou que o prazo de 35 meses para a redacción do proxecto implicaría, na práctica, que a súa finalización se demoraría ata máis alá de 2029, ao que habería que sumar posteriormente o tempo de execución das obras.

O BNG considera que esta planificación supón “unha falta de respecto” á veciñanza de Lugo e reclama que se axilicen os trámites para evitar unha maior deterioración do inmoble e da contorna da Tinería, un ámbito que, segundo lembran, xa conta con estudos e propostas previas para a súa recuperación integral.

0.13542699813843