O BNG pide un pleno en agosto para desbloquear o pago de 2,7 millóns en facturas

LugoXa
Rubén Arroxo denuncia que 542 autónomos e pequenas empresas continúan sen cobrar por servizos prestados ao Concello de Lugo
Rubén-Arroxo-BNG-Lugo
17 Aug 2026

O BNG reclama a convocatoria dun pleno extraordinario no Concello de Lugo durante o mes de agosto para desbloquear o pagamento de máis de 2,7 millóns de euros en facturas pendentes. O portavoz municipal nacionalista, Rubén Arroxo, asegura que 542 autónomos e pequenas empresas continúan á espera de cobrar por servizos xa prestados á Administración local e considera que a situación require unha resposta inmediata.

Arroxo recoñeceu que agosto non é habitualmente un mes no que se celebren sesións plenarias, pero defendeu que neste caso existe unha situación excepcional pola demora que están a sufrir os provedores municipais. “Hai que amañar o malestar que nos trasladan os varios autónomos e pequenos empresarios da cidade que continúan sen cobrar polos servizos prestados ao Concello”, afirmou.

O portavoz do BNG cualificou de “inédita” a situación que está a vivir Lugo e acusou o Goberno municipal de estar a atrasar os pagamentos por unha decisión política. Segundo explicou, a tramitación dunha factura conta inicialmente cunha fase administrativa na que se comproba que o servizo foi realizado e se completa a documentación necesaria.

Esta parte do procedemento pode sufrir atrasos por diferentes motivos, tanto relacionados coa propia Administración como coa presentación das facturas. Porén, unha vez finalizados os trámites administrativos, comeza a fase política, na que o Goberno debe decidir se leva ao pleno aquelas facturas que xa superaron o exercicio orzamentario ao que estaban imputadas.

“É aquí cando o Goberno decide se leva as facturas a pleno ou se, pola contra, se decide politicamente que non vaian”, explicou Arroxo. Segundo o nacionalista, hai “centos de facturas” que levan arredor de tres meses coa tramitación administrativa concluída e que aínda non foron incluídas nunha sesión plenaria.

O BNG sitúa nesta decisión a causa de que 542 provedores continúen sen recibir os pagamentos correspondentes aos traballos realizados. Arroxo advertiu ademais de que, se non se celebra o pleno extraordinario que solicita a formación, estas persoas poderían ter que agardar ata outubro para cobrar, xa que o seguinte pleno ordinario está previsto para o 24 de setembro.

Esta situación suporía, segundo o portavoz nacionalista, un atraso de aproximadamente cinco meses desde a finalización dos expedientes administrativos. Arroxo lembrou que moitos dos afectados son autónomos e pequenos empresarios que xa tiveron que asumir os custos derivados da prestación dos servizos, así como cumprir coas súas obrigas fiscais, sen ter recibido aínda o pagamento do Concello.

“Estas persoas xa prestaron os servizos, emitiron as facturas e pagaron os seus impostos. Non se pode permitir que o Concello atrase o pagamento durante meses por unha decisión política”, criticou.

O BNG tamén sinala que existiron oportunidades anteriores para levar estas facturas ao pleno, concretamente nas sesións correspondentes aos meses de maio, xuño e xullo. Segundo Arroxo, os expedientes xa estaban administrativamente preparados, polo que considera que non existen razóns para prolongar a espera.

“Non se pode castigar nin un día máis os autónomos e pequenos empresarios desta cidade”, afirmou o portavoz do BNG, que asegurou que a súa formación facilitará a aprobación dos pagamentos. “Se a alcaldesa teme que a falta de apoios no pleno poida impedir a aprobación dos pagamentos, nós imos votar a favor de que se lle pague á xente o que se lle debe”, sinalou.

Arroxo asegurou finalmente que o BNG “nunca votou en contra de que se lles pague aos provedores polos servizos feitos” e insistiu na necesidade de convocar unha sesión plenaria extraordinaria durante agosto para resolver canto antes a situación dos 2,7 millóns de euros en facturas pendentes.

0.13254809379578