O BNG presenta alegacións ao proxecto da planta de biometano de Coeses

LugoXa
O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha localización alternativa
alegacións_bng_planta_coeses
alegacións_bng_planta_coeses
9 Xul 2024

O portavoz do BNG e tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado por Montserrat Valcárcel, deputada do BNG no Parlamento Galego, participaron na mesa informativa que colocou o BNG para facilitar á veciñanza de Lugo a presentación de alegacións ante o proxecto de construción dunha fábrica de Metano na contorna de Coeses, que actualmente se atopa en exposición pública e en prazo de alegacións. Arroxo explicou que "desde a publicación do proxecto apoiamos ás veciñas e veciños das zonas afectadas e colaboramos  coas distintas accións que levaron adiante".

"Estamos ante un proxecto que producirá ruídos, cheiros e que pode ter influencia na calidade da auga da zona", afirmou Arroxo, que engadiu "seguimos traballando para que as veciñas e veciños poidan amosar o seu rexeitamento a esta plana". Na xornada de hoxe recolléronse máis dun cento de alegacións por parte do BNG, "que se suman aos varios centos que presentaron as veciñas e veciños e ás presentadas polas e polos lucenses", explicou Arroxo

O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha localización alternativa "que non afecte a ningún núcleo de poboación". A Xunta de Galiza declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que conleva a simplificación de trámites administrativos, "mais o que debe ser prioritario é garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan reducida a súa calidade de vida por esta planta", afirmou Rubén Arroxo. O BNG trasladou tanto ao Parlamento Galego como ás distintas institucións onde ten representación a problemática e as reclamación trasladadas polas veciñas e veciños.

 

 

 

0.18781805038452