O BNG presenta unha campaña 'contra a crise de prezos'
O Bloque Nacionalista Galego presenta en Lugo a campaña Fagamos Valer Galiza, contra a crise de prezos, hai alternativas coa que a organización nacionalista presenta á cidadanía as súas propostas para frear o empobrecemento xeralizado do pobo galego por mor da inflación. A que rematará cunha mobilización o vindeiro 18 de decembro en Compostela.
Algunha das medidas para combater este contexto son: incrementar a presión fiscal ás grandes empresas e patrimonio coa persecución da fraude fiscal, o impulso á mocidade, ás PEME’s, a intervención no mercado eléctrico e o da vivenda, entre outras medidas, as que teñen por obxectivo dotar a Galicia dunha alternativa á política de austeridade e os recortes do Partido Popular.
Por todo isto, o BNG desenvolverá un acto público no que se explicarán as alternativas nacionalistas o vindeiro mércores, 30 de novembro, ás 20 horas no centro de convivencia Uxío Novoneyra no que contará coas intervencións de: Ada Blanco, integrante de Galiza Nova; Rubén Arroxo, tenente alcalde de Lugo e candidato do BNG á alcaldía de Lugo; Rubén Cela, integrante da executiva nacional do BNG e Olalla Rodil, deputada do BNG no Parlamento galego.
Olalla Rodil declarou “é insoportable que as grandes corporacións enerxéticas ou da banca sigan enchéndose os petos mentres os demais temos que estar a pagar máis pola nosa vivienda, a luz ou a cesta da compra”
Neste senso, a deputada salientou “cómpre formular alternativas para actuar en defensa das maiorías sociais, que permitan unha saída xusta e digna a esta crise e un cambio estrutural da nosa economía”
Ademais, Rodil animou a participar nas actividades da organización frontista “convidamos a todas aquelas persoas a que escoiten as nosas alternativas e se mobilicen co BNG este 18 de decembro en Compostela para que saiamos desta crise reforzados cunha sociedade máis xusta e próspera”.