O BNG presume de que Lugo se adiantou ao novo regulamento de circulación cos Vieiros Escolares Seguros

O portavoz do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, destacou que a cidade "vai por diante" do novo Regulamento Xeral de Circulación que entra en vigor hoxe, 1 de outubro, ao considerar que Lugo xa conta con medidas de calmado de tráfico e cunha experiencia consolidada de Vieiros Escolares Seguros.
Arroxo puxo en valor o "importante traballo" desenvolvido polo BNG desde 2019 na aplicación de medidas de calmado de tráfico e lembrou que estas actuacións permitiron poñer en marcha un plan piloto de Vieiros Escolares Seguros. Segundo sinalou, trátase dun modelo de mobilidade que agora queda recollido no novo regulamento estatal.
O artigo 158 do novo Regulamento Xeral de Circulación incorpora os Vieiros Escolares Seguros e defíneos como espazos nos que se aplicaron medidas destinadas á redución da velocidade, ao calmado do tráfico ou á restrición da circulación de vehículos a motor e ciclomotores. Ademais, o Estado establece un prazo dun ano para constituír grupos técnicos encargados de establecer recomendacións para a elaboración destes itinerarios.
Neste contexto, Arroxo afirmou que "Lugo é un exemplo de como este modelo pode funcionar" e considerou que o recoñecemento dos Vieiros Escolares Seguros no regulamento supón "unha oportunidade para consolidar e expandir esta política de mobilidade, incorporando máis zonas de tráfico calmado e reforzando un modelo de cidade que pon no centro ás persoas".
O portavoz nacionalista tamén sinalou que o Concello debe "seguir a potenciar esta iniciativa" e ampliar un modelo que xa se desenvolveu en diferentes centros educativos da cidade.
Un servizo en seis colexios
O servizo de Vieiros Escolares Seguros prestouse nos últimos anos nos colexios Albeiros, Casás, Luís Pimentel, Paradai, Rosalía de Castro e As Mercedes. O proxecto impulsado polo BNG desde a área de Educación baséase no acompañamento do alumnado por parte de monitores durante todos os días do curso escolar.
Cada ruta dispón de diferentes puntos de recollida para facilitar que as nenas e os nenos poidan incorporarse ao percorrido desde o lugar máis próximo aos seus domicilios. Deste xeito, búscase facilitar os desprazamentos a pé ata os centros educativos e favorecer unha mobilidade máis segura nas contornas escolares.
A chegada aos colexios realízase, como máximo, cinco minutos antes da hora establecida para a entrada, de maneira que o alumnado poida completar o percorrido acompañado e chegar ao centro no horario previsto.