O BNG propón novas medidas para regular as plantas de biometano en Galicia

LugoXa
"O problema non radica na tecnoloxía do biogás ou biometano, senón no modelo de planta proposto, a proximidade aos núcleos de poboación e a xestión"
reunión-afectados-planta-biometano-Lugo-BNG
10 May 2025

O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, e a deputada no Parlamento de Galicia, Montse Valcárcel, mantiveron un encontro coa veciñanza afectada polo proxecto da planta de biometano na parroquia de Coeses para presentar as iniciativas que o BNG defenderá no Parlamento de Galicia co obxectivo de aumentar o control sobre este tipo de instalacións.

Segundo explicou Valcárcel, o problema non radica na tecnoloxía do biogás ou biometano, senón no modelo de planta proposto, a proximidade aos núcleos de poboación e a xestión destes proxectos.

A deputada destacou que se están proxectando plantas de gran tamaño que requiren un subministro constante e elevado de residuos para o seu procesamento, o que implica que os residuos cercanos non son suficientes e hai que traelos de distancias moito maiores. Ademais, a maior tamaño dunha planta, maior é o volume de residuos almacenados, as operacións de descarga e os riscos asociados, como escapes de emisións ou incendios.

Valcárcel subliñou que o impacto dunha planta destas características preto das vivendas pode ser brutal, polo que a Xunta ten a obriga de priorizar a protección das persoas e o territorio fronte a calquera interese económico.

Neste sentido, o BNG propón que a Xunta traballe en seis obxectivos principais: establecer límites de distancia de 3.000 metros entre as plantas de biogás – biometano e os núcleos de poboación, vivendas ou bens patrimoniais; limitar a distancia máxima entre a planta e a fonte de materiais a 20 quilómetros para residuos líquidos e un máximo de 50 quilómetros para o resto; limitar a capacidade das plantas a un volume máximo de 200.000 toneladas anuais; lexislar o sector establecendo parámetros para os materiais que entran e saen das instalacións; regular a xestión do dixestato xerado polo proceso de biometanización; e restrinxir a circulación de transporte pesado relacionado coas instalacións, impedindo que transite polos cascos urbanos e núcleos rurais.

Dado que hai numerosos proxectos de plantas de biogás e biometano en Galicia, o BNG considera fundamental lexislar sobre estes proxectos para establecer límites claros no tamaño destas instalacións e as distancias que deben manter respecto ás áreas habitadas.

⚙ Configurar cookies
0.18115210533142