O BNG propón un referendo cidadán para decidir o futuro da estación de autobuses de Lugo

LugoXa
A formación nacionalista pide á Xunta que impulse unha consulta veciñal e aposta polo Gran Parque Central como alternativa para o espazo
nova-proposta-BNG-estación-de-autobuses-Lugo
10 Apr 2026

O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, presentou unha nova proposta dentro da campaña que a formación está a desenvolver para definir o futuro da actual Estación de Autobuses de Lugo unha vez que a súa actividade sexa trasladada á futura Estación Intermodal de Lugo. Arroxo reclamou á Xunta de Galicia que promova un referendo entre toda a veciñanza censada no municipio para decidir o destino deste espazo urbano.

Segundo sinalou o portavoz nacionalista, ante as diferentes propostas que están a xurdir nos últimos días por parte de diversos colectivos da cidade, permitir que sexan os propios veciños e veciñas quen escollan a opción que consideren máis axeitada sería, ao seu xuízo, un exemplo de participación cidadá.

Arroxo lembrou ademais que a estación intermodal estará rematada nun prazo aproximado de seis meses, polo que considera necesario anticipar as decisións para evitar que este espazo quede sen uso, comparando esta posible situación con outros edificios emblemáticos da cidade que, segundo indicou, non tiveron unha reutilización efectiva, como o antigo edificio da vella residencia, as instalacións da Tinería ou o cuartel de San Fernando.

Neste contexto, o Bloque Nacionalista Galego reafirmou a súa aposta polo denominado Gran Parque Central, un proxecto que prevé a creación dun gran espazo verde con aparcadoiro soterrado, a posta en valor dos restos arqueolóxicos da zona e a posibilidade de soterrar o tráfico da rúa Cidade de Vigo. A formación considera que esta proposta permitiría transformar de maneira integral o ámbito urbano e dotar a Lugo dun novo pulmón verde no centro da cidade.

O BNG tamén lembrou o precedente da consulta popular realizada para escoller o nome do Auditorio Fuxan os Ventos, como exemplo de participación directa da cidadanía, e sostén que un proceso semellante debería aplicarse neste caso. A organización nacionalista defende ademais que esta consulta debería celebrarse antes do verán para garantir unha planificación axeitada e evitar atrasos que poidan condicionar o desenvolvemento urbanístico da zona.

0.12073612213135