O BNG reclama o amaño dos accesos ao Conservatorio de Música de Lugo

O Portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, reclamou á Xunta de Galiza que amañe as varandas de acceso aos edificios dos conservatorios, "mellorando a imaxe destas instalacións e a seguridade dos centos de persoas que acceden a diario a estas instalacións".
Rubén Arroxo afirmou que "vemos un exemplo máis de como atende a Xunta a Lugo", e destacou que "a falta de mantemento das instalacións propiedade da Xunta únense ao esquecemento ao que ano tras ano nos someten nos orzamentos ou á ínfima colaboración cun dos eventos máis importantes da cidade, as festas do San Froilán".
Arroxo afirmou que "mentres desde o BNG estamos a traballar para mellorar os espazos da cidade, vemos como a Xunta deixa de lado as súas instalacións, o que supón un problema para as persoas que fan uso das mesmas", e lembrou que o acceso aos conservatorios conta con zonas de alto desnivel, "polo que o correcto mantemento destas estruturas faise máis necesario".