O BNG reclama á Xunta que cubra a praza médica vacante no centro de saúde de Castroverde

O BNG rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento galego para reclamar á Xunta que garanta unha cobertura médica estable no centro de saúde de Castroverde, que desde finais de outubro conta cunha única facultativa para atender os dous cupos existentes, tras a xubilación dunha das dúas médicas de familia. Segundo denuncia a formación nacionalista, a Consellería de Sanidade só envía persoal substituto algúns días e durante unhas poucas horas, sen asegurar unha cobertura continuada.
A deputada do BNG Montse Valcárcel considera que esta situación é consecuencia de anos de recortes e falta de planificación. Lembrou que o centro chegou a contar con tres médicos de familia, unha cifra que se reduciu a dous e que agora quedou, na práctica, nunha única profesional. Valcárcel destacou que máis do 35 % da poboación de Castroverde supera os 65 anos e que o municipio presenta unha elevada dispersión territorial.
A deputada cualificou de insuficiente a cobertura con substitutos durante unhas horas, xa que, segundo advertiu, unha única médica non pode atender os dous cupos e realizar tamén visitas domiciliarias sen deixar o centro sen facultativo cando ten que desprazarse para atender persoas maiores ou dependentes.
Pola súa banda, a representante do BNG en Castroverde, Iria Castro, trasladou a preocupación da veciñanza pola suspensión de consultas e a falta de cobertura de baixas e vacacións. Tamén alertou dos problemas recorrentes na atención pediátrica, un servizo compartido con A Fonsagrada e Baleira que, segundo indicou, obrigou en distintas ocasións as familias a desprazarse ata Lugo para recibir asistencia.
Entre as principais demandas do BNG figura a cobertura inmediata e permanente da praza vacante a xornada completa, para que Castroverde recupere os dous médicos de familia. Mentres non se produza esa incorporación definitiva, reclama que se designe unha persoa substituta tamén a tempo completo. A formación pide ademais un plan que garanta a cobertura das baixas, vacacións e permisos desde o primeiro día, tanto en medicina de familia como en pediatría.
O Bloque tamén reclama que a dispersión xeográfica, o envellecemento da poboación e a distancia aos centros hospitalarios se teñan en conta para determinar os cadros de persoal sanitario, así como que as prazas da zona sexan consideradas de difícil cobertura.
As iniciativas parlamentarias inclúen outras demandas relacionadas coas infraestruturas e os servizos. O BNG solicita obras para adaptar os aseos do centro de saúde ás persoas usuarias de cadeira de rodas, unha petición que asegura levar tres anos incorporando ás emendas aos orzamentos da Xunta sen obter resposta.
Ademais, a formación pide que se avalíe a recuperación da ambulancia medicalizada que foi retirada de Castroverde en 2011 e trasladada ao Corgo ou, como alternativa, que se garantan tempos de resposta das emerxencias equivalentes aos do resto de Galicia.
Para abordar estas cuestións, o BNG rexistrou proposicións non de lei para o Pleno e a Comisión de Sanidade do Parlamento, ademais dunha interpelación, preguntas orais e escritas e solicitudes de documentación sobre a evolución do persoal sanitario e os períodos nos que o centro quedou sen cobertura médica.