O BNG reclama completar a restauración das pilastras danadas da Ponte Romana de Lugo

O edil do BNG Alexandre Penas reclama que se acometa a restauración definitiva das pilastras da Ponte Romana de Lugo que presentan danos e que, segundo explica, foron obxecto dunha intervención de urxencia no ano 2023 para frear a súa degradación.
Penas sinala que os soportes danados deben ser reparados e asegura que os orzamentos elaborados para 2026 xa inclúen unha partida destinada a estes traballos. Segundo o concelleiro, a intervención debería realizarse durante a época de menor caudal do río, xa que os procedementos construtivos serían máis complexos cando o nivel da auga é elevado.
“Estase deixando pasar a época de maior estiaxe do ano e despois non se poderán acometer as obras previstas dado que os procedementos construtivos para a execución da restauración son moito máis complexos con caudal alto”, afirma o edil.
Na actualidade, os desperfectos permanecen cubertos desde 2023 con láminas de madeira hidrófuga reforzadas mediante unha estrutura destinada a frear a erosión provocada pola auga. Penas defende que esta solución debe ser substituída por unha actuación definitiva sobre os elementos afectados da ponte.
O concelleiro do BNG lembra tamén o valor patrimonial e ambiental da infraestrutura, que conta con protección integral, forma parte do Camiño de Santiago e está catalogada como Ben de Interese Cultural. Ademais, atópase dentro da zona Rede Natura 2000, concretamente na Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) Parga-Ladra-Támoga.
“A reparación e rehabilitación debe executarse, xa que os danos efectuados nos pilares e nos tallamares da ponte están sometidos a unha degradación das estruturas, e executar unha solución definitiva na época de baixo caudal de auga do río sería o axeitado”, sinala Alexandre Penas.
O edil reivindica tamén a actuación realizada polo anterior goberno municipal para conter inicialmente o deterioro. “No anterior goberno actuamos con responsabilidade, executando unha intervención de urxencia para frear a degradación da estrutura e deixando planificada a restauración definitiva para este verán, tal e como recomendaban os técnicos”, afirma.