O BNG reclama manter os Vieiros Escolares Seguros ao comezo do novo curso

A concelleira do BNG, Iria Buide, reclamou que o Goberno Municipal dea continuidade ao proxecto "Camiño ás Aulas" coincidindo co inicio do novo curso escolar. Trátase dos Vieiros Escolares Seguros impulsados polo BNG durante a súa etapa no goberno local, que permiten que alumnado de diferentes centros educativos se desprace a pé desde os seus fogares ata os colexios acompañado por monitores.
Buide destacou que estas rutas permiten fomentar hábitos saudables e que as nenas e nenos "desfruten dos espazos peonís de Lugo", ao tempo que contribúen a reducir o uso do vehículo privado nos desprazamentos escolares.
O servizo, que naceu con vocación de ampliar o seu alcance, prestouse nos últimos anos nos colexios Albeiros, Casás, Luís Pimentel, Paradai, Rosalía de Castro e As Mercedes. A concelleira sinalou ademais que os Vieiros Escolares "facilitan a conciliación familiar, ademais de reducir o tráfico rodado na contorna dos colexios".
O proxecto deseñado polo BNG desde a área de Educación establece o acompañamento do alumnado por parte de monitores durante todos os días do curso escolar. Cada ruta dispón de diferentes puntos de recollida para que as nenas e nenos poidan incorporarse ao percorrido no lugar máis próximo aos seus fogares.
As rutas están deseñadas para que a chegada aos centros educativos se produza, como máximo, cinco minutos antes da hora de entrada, evitando así esperas prolongadas no colexio.
Unha alternativa ao vehículo privado
Iria Buide sinalou que a posta en marcha destes vieiros escolares supón tamén "un cambio nas tendencias da mobilidade", cunha redución do uso do vehículo privado para acudir aos centros educativos.
Segundo a concelleira, este cambio de modelo de mobilidade compleméntase coas medidas de calmado do tráfico executadas polo BNG durante a súa etapa no goberno municipal. Estas actuacións permiten, segundo defende, que os percorridos escolares se desenvolvan en condicións de maior seguridade viaria ao contar as contornas dos centros con tráfico máis calmado.
O BNG aposta así por manter e ampliar un proxecto que combina os desprazamentos a pé do alumnado coa conciliación das familias, a promoción de hábitos saudables e a redución do tráfico rodado nas inmediacións dos colexios.