O BNG reclama medidas urxentes para mellorar a seguridade viaria nos centros educativos de Monterroso

O BNG de Monterroso reclama ao Goberno municipal que adopte medidas urxentes para mellorar a circulación e a seguridade viaria nas contornas dos centros educativos, especialmente no IES durante as horas de entrada e saída do alumnado. O concelleiro nacionalista Brais Vázquez denuncia que os problemas se repiten cada curso sen que o Concello adopte solucións.
"Non estamos ante un problema novo nin imprevisible. Cada curso volvemos atoparnos cos mesmos problemas de circulación e cada pequeno incidente súmase a unha lista que non debería seguir medrando", sinala Vázquez.
O concelleiro lembra que o BNG presentou o pasado mes de febreiro unha proposta para elaborar un plan de tráfico na contorna do IES. A iniciativa tiña como obxectivo ordenar a circulación, mellorar os accesos e incrementar a seguridade do alumnado, das familias e do persoal do centro. Segundo denuncia a formación nacionalista, o Goberno municipal non deu resposta a esta proposta.
"En febreiro propuxemos actuar para evitar precisamente estas situacións. Pasaron os meses, comezou un novo curso e seguimos exactamente igual. O que falta non son advertencias nin propostas, senón que o Concello tome a iniciativa e actúe", afirma Brais Vázquez.
O BNG lembra ademais que o pasado 1 de outubro entrou en vigor a reforma do Regulamento Xeral de Circulación, que reforza a protección das persoas máis vulnerables nas vías públicas e incorpora medidas específicas para incrementar a seguridade nas contornas escolares.
Entre as novidades da normativa figuran medidas relacionadas coa limitación da velocidade, a ordenación do estacionamento e o calmado do tráfico nas proximidades dos centros educativos. Tamén se recoñecen os chamados camiños escolares seguros.
Para Brais Vázquez, esta nova regulación debería servir como oportunidade para abordar os problemas existentes en Monterroso. "Resulta difícil de entender que, mentres a normativa avanza na protección do alumnado e na creación de contornas escolares seguras, en Monterroso sigamos sen resolver problemas que coñecemos desde hai anos", afirma.
O concelleiro nacionalista considera que o Concello debe aproveitar o novo marco normativo para elaborar un plan de mobilidade e seguridade viaria adaptado ás necesidades dos centros educativos do municipio.
Entre as actuacións que propón estudar figuran a ordenación da circulación, a regulación das zonas de parada e estacionamento, a mellora da sinalización e o reforzo da protección dos accesos peonís aos centros.
O BNG advirte de que as dificultades relacionadas coa circulación e a seguridade non se concentran unicamente na contorna do instituto. A formación nacionalista sinala tamén a existencia de cuestións pendentes de resolver nos arredores do CEIP de Monterroso.
"Tamén temos trasladado propostas para mellorar a situación no colexio e imos continuar insistindo. Falamos da seguridade das nosas crianzas e da necesidade de garantir que poidan acceder aos centros educativos en condicións adecuadas", explica Vázquez.
Ante esta situación, o BNG anuncia que presentará unha queixa formal no próximo pleno municipal e que volverá trasladar propostas concretas para mellorar a seguridade viaria tanto na contorna do IES como na do CEIP.
"Non podemos seguir agardando a que se produza un incidente grave para actuar. A seguridade do alumnado non pode quedar relegada ano tras ano. O Concello ten competencias, dispón dun novo marco normativo e conta con propostas enriba da mesa. O que precisamos agora son solucións", conclúe Brais Vázquez.