O BNG reclama no Pleno a recuperación do transporte público gratuíto para centros escolares en Lugo

LugoXa
A formación nacionalista denuncia a paralización do servizo e alerta do impacto na comunidade educativa e nas actividades do final de curso
Rubén-Arroxo-parque-de-tráfico-infantil-de-Lugo
27 May 2026

O BNG de Lugo presentou para o Pleno ordinario do mes de maio de 2026 unha moción de urxencia ante o que cualifica como incapacidade do novo goberno local para garantir a continuidade do servizo gratuíto de transporte público destinado a centros escolares.

A iniciativa, posta en marcha pola formación nacionalista desde a área de Mobilidade durante o anterior mandato, permitiu que un total de 2.207 escolares empregasen o bus urbano nos últimos meses do curso 2025-2026 para acudir a diferentes actividades educativas e culturais. Ao longo dese período, 81 grupos de distintos centros utilizaron este servizo para desprazarse a espazos como o Parque Infantil de Tráfico, salas museísticas municipais ou a biblioteca pública, favorecendo o uso do transporte público como alternativa sostible e accesible.

Na exposición de motivos da moción, o BNG lembra que o servizo foi implantado en 2019 e destaca o seu éxito de demanda, ao tempo que sinala a súa dobre función: facilitar aos centros educativos a organización de actividades externas sen custos de transporte e promover entre o alumnado o uso do bus urbano como medio sostible, económico e eficiente.

A formación nacionalista critica que, vinte días despois da moción de censura, o novo goberno aínda non teña restablecido o servizo, unha situación que asegura que está a xerar malestar na comunidade educativa, especialmente nun momento do curso no que se incrementan as saídas escolares.

O BNG defende o transporte público como un servizo esencial para a veciñanza, contribuíndo á redución da contaminación e da conxestión viaria, e considera que debe adaptarse ás necesidades reais da cidadanía e do territorio, cada vez máis orientadas a alternativas fronte ao vehículo privado.

Por todo o exposto, o grupo municipal nacionalista propón como acordo instar ao Goberno local a recuperar o servizo gratuíto de transporte público para centros escolares.

0.12320303916931