O BNG reclama que a TVG retransmita os partidos dos equipos galegos de baloncesto nas máximas categorías

LugoXa
Olalla Rodil levará a proposta ao Parlamento galego para instar á corporación pública a adquirir os dereitos de emisión, mentres Efrén Castro pide un maior compromiso institucional co deporte galego
BNG-partidos-do-CB-Breogán-Pazo-dos-Deportes
7 Jul 2026

A deputada do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, anunciou a presentación dunha serie de iniciativas para instar á Televisión de Galicia a adquirir os dereitos de emisión e retransmitir os partidos dos equipos galegos de baloncesto que compiten nas máximas categorías estatais, tanto masculinas como femininas.

Rodil destacou a importancia do momento que vive o baloncesto galego e sinalou que a afección existente, especialmente en Lugo, polo CB Breogán e o Durán Maquinaria Ensino, esténdese ao conxunto de Galicia. Segundo afirmou, "a cidade e o conxunto de Galiza temos a sorte e o orgullo de vivir un momento histórico con ata seis equipas nas máximas categorías do baloncesto tanto masculino coma feminino", polo que considera que "a radio e a televisión públicas de Galiza teñen que estar á altura deste momento histórico e facerse coa retransmisión dos partidos nos que compitan as equipas galegas".

A deputada nacionalista recoñeceu as dificultades derivadas do actual mercado dos dereitos audiovisuais, que cualificou de "disparatado", e criticou a concentración destes en mans de grandes produtoras, que, ao seu xuízo, exercen unha posición de dominio sobre as televisións públicas de menor tamaño. Con todo, lembrou que outras corporacións autonómicas, como a televisión pública de Cataluña, xa ofreceron durante a pasada tempada partidos dos equipos do seu territorio.

Para Olalla Rodil, tanto as institucións como os medios públicos deben contribuír a consolidar o que definiu como unha "etapa dourada" para o baloncesto galego. Nese sentido, lembrou que unha situación semellante non se producía desde 1994, cando Galicia contaba co CB Breogán, o Club Ourense Baloncesto e o OAR Ferrol na máxima categoría.

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, defendeu que manter este bo momento do baloncesto galego require "un compromiso forte das administracións". Castro lembrou que a institución provincial é o principal patrocinador institucional das equipas da provincia e que tamén realiza importantes investimentos en infraestruturas deportivas. Ademais, criticou que outras administracións, con maior capacidade orzamentaria, estean incumprindo compromisos relevantes coas entidades deportivas.

0.12340617179871