O BNG reclama que os contedores do centro de Lugo se coloquen só en horario nocturno

LugoXa
A formación levará o asunto á comisión municipal tras recibir queixas pola presenza de colectores nas rúas do casco histórico durante o día e pide revisar o cumprimento das condicións do servizo de recollida de lixo
contedores-centro-de-Lugo
5 Nov 2026

O BNG levará á comisión correspondente do Concello de Lugo unha iniciativa para reclamar que os contedores das rúas do centro da cidade se coloquen en horario nocturno, como se viña facendo ata o de agora, e non permanezan na vía pública durante todo o día. A formación asegura que recibiu numerosas queixas veciñais por esta situación e considera que afecta á imaxe do casco histórico.

Os nacionalistas lembran que a instalación dos colectores se adaptaba tradicionalmente ao horario comercial e á recollida nocturna, co obxectivo de manter as rúas máis despexadas durante o día. Por iso, pedirán explicacións ao Goberno local sobre os motivos polos que os contedores permanecen agora nas rúas do centro tamén en horario diúrno.

O BNG considera que esta situación podería supoñer un incumprimento das obrigas contractuais entre o Concello e a empresa encargada da retirada dos residuos sólidos urbanos, polo que reclama revisar se se está producindo algunha neglixencia na xestión do servizo municipal.

A formación defende que o servizo de limpeza debe adaptar os horarios de colocación dos colectores ás necesidades das distintas actividades que se desenvolven no centro da cidade. Tamén advirte da mala imaxe que esta situación pode xerar tanto entre a veciñanza como entre as persoas que visitan Lugo.

0.14299297332764