O BNG reclama recuperar A Mosqueira e reforzar a presenza de artistas locais no San Froilán 2026

O BNG levou á primeira xuntanza da Comisión de Festas máis dunha vintena de propostas para configurar o programa do San Froilán 2026, entre as que destacan unha maior presenza das agrupacións musicais de Lugo, a continuidade de iniciativas consolidadas e a recuperación do escenario da Mosqueira como espazo para actividades e actuacións de carácter local.
A concelleira nacionalista Maite Ferreiro criticou especialmente a situación deste último emprazamento e acusou o PP de ofrecer información que non se corresponde coa documentación municipal. Segundo explicou, durante a comisión afirmouse que na Mosqueira podería haber actividades, pero a contratación dun escenario neste lugar non aparece incluída na licitación de escenarios realizada polo Concello.
Ferreiro cuestionou así a desaparición dun espazo que, segundo lembrou, funcionou con éxito en anteriores edicións e acolleu unha programación cun importante protagonismo de artistas e colectivos lucenses. A edil tamén criticou o desenvolvemento da Comisión de Festas, marcada, segundo indicou, polas discrepancias entre integrantes do Goberno municipal e pola ausencia da alcaldesa.
En canto á programación, o BNG defende manter o carácter popular do San Froilán e propón que todas as actividades e actuacións sexan gratuítas. No apartado musical, aposta por concertos de diferentes estilos nos principais escenarios, coa incorporación de grupos locais, ademais de festivais promovidos por colectivos da cidade.
Entre as iniciativas propostas figuran Espazo Hip Hop, Cantigas e Frores, TRADESCOLA, a Asociación de Gaiteiros Galegos, SanFroiDance, Airiños de Orbazai, V Electronic Lucus Fest, FACELA FEST e actividades da Asociación de Antigos Alumnos de Ramón Falcón. Os nacionalistas tamén propoñen organizar pasarrúas polos diferentes barrios, verbenas na Praza Maior e noutros puntos do municipio e concertos de bandas de música.
A programación infantil é outro dos ámbitos nos que o BNG pide continuidade, coa conservación dun espazo específico para o San Froilán Miúdo. No apartado de humor, reclama manter o San Froilán Sorrí, unha das actividades que se viñan desenvolvendo na Mosqueira, mentres que para os barrios propón unha nova edición do San Froilán Máxico.
As propostas tamén abranguen a literatura, coa presentación do exemplar anual de O San Froilán dos Devanceiros e a colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para desenvolver a revista oral A Festa das Letras.
No ámbito da artesanía, o grupo nacionalista solicita dar continuidade ao San Froilán Tecedeiro, promovido pola asociación Corazóns Artesáns, e celebrar a cuarta edición da Feira da Olería de Lugo.
O documento presentado á Comisión de Festas complétase coa organización do concurso Miss Deusa, espectáculos de rúa dirixidos a públicos de todas as idades e a recuperación dos xigantes e cabezudos dos que dispón o Concello para incorporalos á programación festiva.
Para o BNG, estas iniciativas permitirían conservar o carácter popular do San Froilán, dar visibilidade ao tecido cultural e asociativo da cidade e garantir que as agrupacións lucenses conten cun espazo destacado dentro dunha das principais celebracións do calendario galego.