O BNG reclama reforzar o Campus Terra e adaptar a normativa para garantir o futuro das titulacións en Lugo

As deputadas e deputados do BNG no Parlamento de Galicia Olalla Rodil, Montserrat Valcárcel, Iago Suárez e Daniel Castro mantiveron unha reunión de traballo co equipo do Vicerreitorado do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela para analizar os principais retos de futuro do Campus Terra e do sistema universitario público galego.
No encontro participaron tamén responsables das áreas de Investigación, Desenvolvemento e Innovación e de Cultura, cos que a representación nacionalista abordou cuestións relacionadas co fortalecemento do Campus Terra, o impulso á investigación e á transferencia de coñecemento, así como as dificultades de acceso á vivenda que afectan ao alumnado universitario.
A deputada do BNG Olalla Rodil asegurou que para a formación nacionalista "o fortalecemento do sistema universitario público galego e, particularmente, a defensa e blindaxe do Campus Terra son unha prioridade", lembrando que o Bloque leva anos promovendo iniciativas parlamentarias para reforzar o papel do campus lucense.
Un dos principais asuntos tratados foi a reforma do Decreto 222/2011, que regula as ensinanzas universitarias oficiais e fixa os criterios mínimos de alumnado para manter as titulacións. Rodil lembrou que a Xunta se comprometeu en 2023 a modificar esta normativa e defendeu a necesidade de adaptar os requisitos á realidade demográfica actual e ás particularidades dos campus periféricos.
Neste sentido, insistiu en que é "fundamental e imprescindible" reducir o mínimo de 45 estudantes esixido para conservar determinadas titulacións, xa que, segundo advertiu, aplicar os mesmos criterios a todos os campus pode poñer en risco estudos estratéxicos para Lugo e para Galicia.
A parlamentaria puxo especialmente o foco nas titulacións vinculadas ás enxeñarías técnicas e aos ámbitos agrario e forestal, que definiu como parte esencial da identidade e especialización do Campus Terra. Ao seu xuízo, a normativa debe adaptarse para garantir a continuidade destes estudos, que considera fundamentais para a cidade, a provincia e o conxunto do país.
Durante a reunión, a representación do BNG interesouse tamén polos novos proxectos que está a desenvolver o Campus Terra e polas perspectivas para continuar consolidando Lugo como referente na investigación ligada ao territorio e aos sectores produtivos. Rodil reafirmou o compromiso da formación nacionalista con dotar o campus dos recursos necesarios para avanzar na investigación de excelencia e fortalecer o seu papel como polo científico e de innovación.
Outro dos temas analizados foi a crecente dificultade de acceso á vivenda, unha problemática que afecta especialmente ao estudantado universitario. Segundo explicou Rodil, durante o encontro estudáronse posibles medidas que o BNG levará ao Parlamento galego para instar á Xunta a actuar e facilitar o acceso á formación universitaria en condicións de igualdade.
A deputada cualificou a reunión de "moi frutífera" e avanzou que o diálogo entre ambas as partes terá continuidade. "Ao BNG e ao Vicerreitorado únenos a defensa dunha universidade pública galega da máxima calidade e, especialmente, a defensa do Campus Terra, da súa autonomía e dos recursos que precisa para continuar facendo desde Lugo a mellor docencia e ciencia de calidade", concluíu.