O BNG reclamará no Parlamento o arranxo integral da Calzada das Gándaras e da rúa Serra de Meira

LugoXa
A formación denuncia décadas de abandono por parte da Xunta en dúas vías clave de Lugo
BNG-Calzada-das-Gándaras
31 Jan 2026

O arranxo integral da Calzada das Gándaras e da rúa Serra de Meira chegará ao Parlamento galego a través dunha iniciativa que reclama á Xunta de Galiza unha actuación urxente nestas dúas vías, competencia do Goberno autonómico, que levan décadas sen recibir os investimentos necesarios para garantir unhas condicións adecuadas de circulación e seguridade. O deterioro do firme, con abundantes fochancas e un trazado moi degradado, converteuse nun problema tanto para a seguridade viaria como para a imaxe da cidade.

Segundo se trasladou, a falta de investimento sostido nestas infraestruturas exemplifica, ao seu xuízo, o abandono que sofre Lugo por parte da Xunta, unha situación que tamén se reflicte noutros proxectos pendentes na cidade. Como exemplo desta política, aludiuse ao Plan Paradai, que permanece paralizado desde hai máis de 20 anos e do que a portavoz do PP renegou nada máis chegar a Lugo, segundo denunciaron desde o BNG.

A iniciativa foi anunciada pola deputada do BNG por Lugo, Montse Valcárcel, que estivo acompañada polo portavoz municipal do BNG e tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo. Valcárcel advertiu de que o estado actual destas vías non só supón un risco para a seguridade do tráfico, senón que tamén contribúe a ofrecer unha mala imaxe da cidade debido ao avanzado estado de deterioro do firme.

Pola súa banda, Rubén Arroxo subliñou a necesidade de actuar con urxencia na rúa Serra de Meira, tendo en conta que, unha vez rematada a nova estación de autobuses, esta vía soportará un maior volume de tráfico pesado ao converterse no principal acceso do transporte interurbano á estación. Arroxo lamentou que, mentres outras cidades galegas reciben investimentos da Xunta, en Lugo se continúe deixando de lado ás veciñas e veciños.

⚙ Configurar cookies
0.077867984771729