O BNG reclamou no pleno recuperar o bus urbano gratuíto para centros educativos de Lugo

O BNG levou ao pleno municipal do mes de maio unha moción urxente para instar ao goberno local a recuperar o servizo gratuíto de autobús urbano destinado aos centros de ensino, unha iniciativa que, segundo explicou o portavoz nacionalista Rubén Arroxo, evidencia “a incapacidade do novo goberno para xestionar”.
Arroxo destacou que no curso 2025-2026 un total de 2.207 escolares de distintos centros educativos da cidade empregaron o bus urbano de forma gratuíta, nun total de 81 grupos que utilizaron este servizo para desprazarse a diferentes puntos de Lugo. O portavoz do BNG afirmou ademais que “nos primeiros días do novo goberno do PP vimos que as medidas executadas seguen a mesma liña que o seu traballo na oposición: xerar crispación e dividir á veciñanza de Lugo”.
A proposta non chegou a debaterse tras o voto en contra do Partido Popular á súa urxencia. Con todo, tras o debate previo, Arroxo considerou que “o Partido Popular volve a tempos do caciquismo propios doutras épocas” e engadiu que “o concelleiro de Educación do PP recoñeceu no pleno que só facilitará autobuses aos centros educativos afíns, non un servizo público en igualdade de condicións para toda a veciñanza”.
O portavoz nacionalista subliñou que este servizo ten unha dobre función: por unha banda, permite aos centros educativos organizar actividades fóra das aulas sen asumir custos de transporte e, por outra, promove entre o alumnado o uso do bus urbano como medio sostible, económico e eficiente para a mobilidade na cidade.
O BNG defende que o transporte público debe ser un servizo esencial, clave para reducir a contaminación e a conxestión viaria, e que debe adaptarse ás necesidades reais da cidadanía, que cada vez opta máis por este modelo fronte ao vehículo privado.
Pola súa parte, o concelleiro de Educación, Javier Vázquez, respondeu que “non ten sentido debater a urxencia desta proposta, xa que o servizo continúa funcionando con normalidade”, e acusou ao BNG de “confundir á comunidade educativa”. A urxencia da moción foi rexeitada cos votos en contra do PP e da concelleira non adscrita e tránsfuga María Reigosa, polo que non chegou a ser debatida, mentres que BNG e PSOE votaron a favor.
Finalmente, o BNG tamén criticou o uso de auga embotellada no pleno, ao que cualificaron como “un novo cambio do goberno do PP que incrementa a xeración de residuos”. Os concelleiros nacionalistas acudiron á sesión con botellas reutilizables e consumiron auga da billa, como viñan facendo habitualmente, co obxectivo de reducir o uso de plásticos dun só uso.