O BNG rexeita a cesión da Casa de Benedicto ao Concello de Navia para a súa demolición

O BNG votou en contra da cesión da Casa de Benedicto ao Concello de Navia por parte da Deputación de Lugo. A proposta foi debatida esta mañá no pleno provincial e contempla a transferencia do inmoble ao concello para proceder á súa demolición, unha iniciativa que conta coa oposición dunha parte da veciñanza polo valor patrimonial e simbólico que se lle atribúe ao edificio.
Durante o debate, a portavoz do BNG, Iria Castro, defendeu a necesidade de realizar previamente un estudo do estado do inmoble, ao considerar que existe un interese patrimonial avalado por distintos organismos. Ademais, apostou por valorar os posibles usos culturais que vén propoñendo o tecido asociativo como alternativa á demolición.
Nese contexto, a deputada nacionalista lembrou que a competencia en materia de patrimonio corresponde á Xunta de Galicia, á que responsabilizou da situación actual tras retirar en 2024 a protección do edificio, unha decisión que, segundo denunciou, pon en risco a súa conservación.