O BNG traballa nas medidas a aplicar para a reactivación económica na Mariña
A crise económica e social que se está a vivir como consecuencia da pandemia do Covid19 vai ter unha virulencia especial en Galicia e "especialmente na Mariña, cunha situación económica xa moi debilitada e dependente", din dende o BNG da Mariña.
"Os concellos non teñen competencias estruturais en materia económica e política fiscal polo que as decisións que se poidan adoptar para facer fronte á crise desde o ámbito local van depender das medidas lexislativas e executivas que se adopten por parte do Estado Español e da Xunta de Galicia", engaden.
Nunha situación como a que se está a vivir é fundamental a elaboración de mecanismos de solidariedade social: claridade dos recursos dispoñíbeis en cada nivel de intervención pública, priorización no emprego colectivo destes recursos para que cheguen a quen os precisa, e exercicio responsable das competencias de cada institución, evitando duplicidades.
Por este motivo os nacionalistas mariñaos analizarán xunto coa deputada provincial Mónica Freire a situación que se está a vivir nos concellos da comarca, así como as axudas a respecto da crise do COVID-19 e tamén o Plan Único 2020 da Deputación. Participarán así mesmo os portavoces municipais do BNG e alcaldes e tenientes de alcalde.
Poderán participar tamén as persoas e colectivos que o desexen vía chat facendo preguntas aos presentes no foro.
Esta videoconferencia pode seguirse a través do facebook de Bng A Mariña este venres 15 de maio a partir das 18.00 horas.