O Breogán tingue de celeste a Praza de San Marcos no acto de presentación do patrocinio da Deputación

A Praza de San Marcos tinguiuse de celeste coa presenza dos xogadores e da afección do CB Breogán nun acto organizado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para visibilizar e reafirmar o apoio da institución provincial ao club lucense.
Os xogadores, o adestrador Luis Casimiro, o equipo técnico e os exxogadores e actuais representantes do club Salva Arco e Tito Díaz participaron na xornada, na que asinaron camisetas e se fotografaron cos seareiros e seareiras que se achegaron ata San Marcos.
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e o deputado de Mocidade, Daniel García, recibiron o equipo e presentaron o contrato de patrocinio que a institución provincial manterá co Breogán de cara á vindeira temporada, cunha achega de 500.000 euros.
Efrén Castro destacou "o gran inicio de temporada do equipo, que está ilusionando ao breoganismo e que reforza tamén a imaxe da cidade e da provincia". O vicepresidente ratificou o compromiso da Deputación co club a través dun acordo que, ademais do apoio económico ao proxecto deportivo, busca reforzar os seus vínculos co tecido cultural e social da provincia.
Segundo Castro, o convenio tamén pon en valor "a fortaleza do deporte como cadea de transmisión de valores ligados á inclusión, a solidariedade e a conservación do patrimonio".
Pola súa banda, Salva Arco valorou o apoio mantido ao longo dos anos pola institución provincial e considerouno "de referencia para outras cidades e clubs polas sinerxias que foi quen de xerar". Neste sentido, destacou as accións desenvolvidas para impulsar "a nosa cultura, a nosa lingua, os nosos lugares e os nosos tesouros musicais", así como o compromiso social da entidade provincial ao "ofrecer o Pazo como altofalante" ás asociacións do ámbito social lucense.
"Un club con sesenta anos de historia sabe ben que nada do conseguido se logra en solitario", concluíu o director xeral do Breogán.
O acordo manterá a liña de colaboración dos últimos anos. Ademais da presenza da imaxe institucional da Deputación nas equipacións do equipo, o Breogán participará con xogadores, persoal técnico e outros recursos en actividades de promoción do deporte en centros escolares e clubs de base.
O club tamén cederá a súa imaxe para apoiar iniciativas de asociacións do ámbito social, aproveitando a súa repercusión deportiva e social para contribuír á difusión do traballo destes colectivos.
Entre as iniciativas que xa se visibilizaron durante a pasada campaña a través deste patrocinio figuran o Proxecto Ariadna, impulsado pola Sociedade Española de Cardioloxía, a Fundación Española do Corazón e Cruz Vermella para elaborar de forma colaborativa un mapa de desfibriladores; as campañas da Axencia Galega de Doazón de Sangue; os programas de apoio e acompañamento de Afalu; as actividades de ocio inclusivo de Diversa Sarria; as campañas de sensibilización de Asorlu; e os traballos de cerámica e serigrafía realizados polas persoas usuarias da Fundación Eu Son.