O bus urbano de Lugo pecha un 2025 histórico con máis de 2,35 millóns de billetes

LugoXa
Rubén Arroxo anuncia un novo contrato para ampliar liñas, mellorar horarios e adaptar o servizo ás demandas da cidade
LUGO-autobuses-urbanos-Arroxo-Penas
10 Jan 2026

O transporte público urbano de Lugo pechou o ano 2025 cun balance récord de uso, consolidándose como unha alternativa cada vez máis escollida pola veciñanza. Así o destacou o tenente de alcalde e concelleiro de Mobilidade, Rubén Arroxo, quen cualificou o pasado exercicio como “un ano histórico” para o bus urbano. En total, ao longo de 2025 expedíronse 2.350.924 billetes, o que supón 131.612 máis ca no ano anterior.

Segundo os datos facilitados polo responsable municipal, once dos doce meses de 2025 superaron as cifras rexistradas en 2024. Ademais, cinco meses —maio, xuño, setembro, outubro e novembro— acadaron por primeira vez a barreira dos 200.000 billetes expedidos. O mes de outubro marcou o máximo anual, con 230.839 usuarios contabilizados.

Arroxo sinalou que este incremento reflicte unha tendencia clara: “a cidadanía aposta cada vez máis polo transporte público”, polo que desde o Concello consideran prioritario facilitar un servizo “cómodo, áxil e accesible”. Nese contexto, avanzou que ao longo de 2026 a Tenencia de Alcaldía traballará na elaboración dun novo prego do servizo de transporte urbano, co obxectivo de ampliar quilómetros, crear novas liñas e responder ás necesidades detectadas.

O concelleiro explicou que o contrato actualmente en vigor limita tanto o número de quilómetros como a posibilidade de incorporar máis liñas ou frecuencias, malia existir demanda suficiente. O novo prego permitirá, entre outras melloras, conectar barrios como Lamas de Prado e Abella co sur da cidade, unir o cemiterio co norte de Lugo e mellorar a puntualidade de liñas con alta utilización, como a 1 ou a 5.

Tamén se prevé ampliar horarios, especialmente nas liñas que conectan cos polígonos e zonas de emprego, como o Ceao, así como reforzar a integración dixital do servizo, incorporando o bus urbano a plataformas como Google Maps e ampliando a rede de pantallas informativas nas paradas.

Rubén Arroxo anunciou ademais que a elaboración do novo contrato contará cun proceso de participación aberta, no que a veciñanza poderá achegar propostas e suxestións. “Estamos nun momento clave, no que o uso do transporte público medra de forma evidente, e debemos aproveitar esta oportunidade para dotar Lugo dun modelo de bus urbano á altura do que a cidade precisa”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.079699993133545