O bus urbano volve ao seu percorrido habitual polo interior da Muralla e Lugo celebra a Semana Europea da Mobilidade

Os buses urbanos de Lugo recuperan o seu percorrido habitual polo interior da Muralla, concretamente pola rúa Montevideo, cunha parada no cruce con Quiroga Ballesteros. As liñas afectadas son a 7, 8, 9 e 12.
Esta modificación coincide coa preparación das actividades da Semana Europea da Mobilidade, que se desenvolverá do 16 ao 22 de setembro. Entre as iniciativas, o Día Europeo sen Coches, o 22 de setembro, permitirá que o bus urbano sexa gratuíto, fomentando o uso do transporte público e modos de desprazamento sostibles como a bicicleta ou os desprazamentos a pé.
A praza Horta do Seminario acollerá ese día postos de información sobre a Tarxeta Cidadá e as liñas de transporte urbano, ademais dun autobús híbrido con actividades para nenos e nenas. A Semana da Mobilidade incluirá tamén accións educativas, como as que se desenvolverán no Parque Infantil de Tráfico a partir do 17 de setembro coa visita de estudantes do CEIP Sagrado Corazón, organizadas pola Concellería de Educación.
O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, destacou que estas accións contribúen a unha cidade máis limpa e ecolóxica, e lembrou que Lugo leva anos promovendo iniciativas de humanización do espazo público, como a peonalización da Mosqueira, que hoxe é unha realidade consolidada.