O Camiño Norte polo Concello de Barreiros
Por Emilio Piñeiroa
O Concello de Barreiros atópase situado na franxa norte da provincia de Lugo. A súa situación xeográfica pode considerarse un privilexio natural, xa que se atopa entre o mar Cantábrico, con finísimos areais de ata 8 km, e a montaña.
Cun magnífico enclave coma este no falta contar tamén cun Camiño Norte, que percorre a zona interior do Concello, zona agrícola e gandeira por excelencia.
Este Camiño arrinca precisamente en Ribadeo, primeiro punto do itinerario galaico ata Compostela.
Os peregrinos deixaban Ribadeo cara a Mondoñedo e abandonaban definitivamente o seu contacto co mar, internándose por Ove ata a Nosa Señora da Ponte, na parroquia de Arante, onde o cóengo mindoniense Juan Marqués empregou os seus bens, no século XVI, na creación dun hospital para peregrinos.
O Camiño atravesa unha arboreda e entra no Concello de Barreiros. Dende o alto, divísase o gando nun terreo de abundantes pastos e un pequeno val surcado polo río Porto Bragán. Aos pés atópase a parroquia de Vilamartín Pequeno e na outra ladeira, Vilamartín Grande, barrio que pertence á parroquia de San Xián de Cabarcos. Ao fondo, Fórnea, do Concello de Trabada.
En Vilamartín Pequeno pódese visitar a Igrexa parroquial, na honra de San Xoán Degolado.
Os peregrinos, despois de cruzar o río e subir unha empinada costa que conduce a Vilamartín Grande, encontran á esquerda a Capela do Carme que pertenceu a unha fundación que no 1995 foi arranxada polos veciños. No interior, na parede lateral esquerda, nunha lápida hai unha inscrición.
No altar, na parte central, está a Virxe do Carme, patroa á que se lle celebra a festividade o 16 de xullo; a ámbos os dous lados, dúas virxes do barroco galego, de 1.692; na de menor tamaño pode lerse Nosa Sra. de las Angustias de las Beatas Marías. É de destacar un cáliz e unha patena, cunha inscrición na base: que di: D. Salvador Menéndez, año 1692.
Á dereita do Camiño atópase o teleclub e a escola, pechada co gallo da concentración escolar e, na mesma situación atoparemos as escolas de Gondán e San Xusto.
Antes de baixar a Gondán, o alto de Vilamartín Grande pode servirlle ó peregrino de mirador, dende onde se divisa unha perspectiva do Val de Cabarcos, formado por San Xián e San Xusto. Plinio afirmaba que os antigos cibarcos eran cidadáns dunha república no convento xurídico lucense do tempo dos romanos. Podemos deixar establecido que os cibarcos extendíanse dende a desembocadura do Masma, en Foz, á do Eo en Ribadeo. Madoz e Vicetto suponse que foron os primeiros moradores desta terra de Cabarcos.
De crer ó P. Flórez, o documento máis antigo que se coñece en España refírese a este Concello. Trátase da doazón duns terreos do ano 755, situados entre o río Eo e o Masma, feita polo rei D. Silo, a instancias do abade Esperanta, a varios monxes para que edificaran alí un mosteiro.
O nome de Cibarcos consérvase a través da Idade Media, sen máis variación que o cambio do i en a, aparecendo xa nos primeiros séculos da Reconquista. Xa no ano 916 aparece un documento no que Ordoño II doa as igrexas situadas entre o Eo e o Masma, onde figuran as de Sancti Justi de Cabarcos e Sancti Julliani de Giliari.
No ano 1406 López Díaz de Teijeiro doaba ao bispo de Mondoñedo a terraría de Cabarcos; os seus escudos aparecen citados nun documento do Mosteiro de Lourenzá, que leva a data de 1448. Deberon vivir aquí numerosas familias de recoñecida nobreza e fidalguía.
Segundo documentos encontrados, Pedro Pardo de Cabarcos (sobriño do Mariscal Pedro Pardo de Cela) era dono de grandes terreos neste val que vendeu por 2.000 maravedís para axudar ós Reis Católicos na toma de Granada.
A vida das xentes que habitaban nestas terras transcorreu pacífica e sosegadamente, dedicándose ao traballo agrícola e manual; chegando a haber a finais do século XVIII (1787), no Concello de Cabarcos 21 telares e 504 arrobas de viño.
O Concello estaba formado por San Xián de Cabarcos, San Xusto de Cabarcos e Vilamartín Pequeno, estando a capitalidade no primeiro. Na actualidade pertence ao Concello de Barreiros, adicándose á gandería e á agricultura.
En Gondán (San Xián de Cabarcos) atópase unha pequena capela, na honra da Virxe do Pilar, coas imaxes da Virxe e de Santiago Apóstolo; ao lado a fonte de Cimadevila onde o peregrino pode saciar a sede. A poucos metros o albergue de peregrinos.
O Camiño segue en descenso ata a parroquia de San Xusto de Cabarcos, cruzando o río Puxigo, onde se atopa o albergue de peregrinos que foi a antiga escola, deixamos a estrada asfaltada collendo unha pista ata a Igrexa. Pode verse un cruceiro, en lembranza da capela do Bo Suceso, destruída en 1984; esta imaxe, xunto coas de San Sebastián e San Roque peregrino atoparémolas metros máis arriba na igrexa; que chama a atención pola súa situación, na parte alta, coma se estivera vixiando o val e esperando a chegada do peregrino. En 1993 foi arranxada, sendo párroco Santiago Riguera Díaz. Data de antes do ano 900, con planta de cruz latina. Destaca o retablo barroco de 1753, a súa imaxinería como O Apóstolo Santiago peregrino, San Xusto e San Pastor, patróns da parroquia; entre outros é de admirar o púlpito e dous confesionarios, obra do artista local Santiago Candia (1916), autor tamén do retablo da Virxe das Dores. A escola foi acondicionada para albergue de peregrinos.
O peregrino deixa o Concello de Barreiros, pasa por unha zona de bosques que o leva ó veciño Concello de Vilanova de Lourenzá, atopando a capela de Santa Cruz preto do campo de fútbol. En Lourenzá os peregrinos recibían unha calorosa acollida no mosteiro, que data do século X. Impresiona a actual fachada barroca do mosteiro, deseñada polo arquitecto compostelán Fernando Casas Novoa, autor da fachada do Obradoiro.
Da importancia deste Camiño Norte ou Camiño Real, existe a testemuña da existencia de dúas pousadas: a Casa de Veiga do Camiño Real en Gondán e a pousada de Inocente do Curbeiro en San Xusto.