O Campamento Lumieira abrirá o 1 de xuño as inscricións para a súa 18ª edición

A ADC Lumieira Lugo celebrará entre o 6 e o 31 de xullo de 2026 a 18ª edición do Campamento Lumieira, unha iniciativa consolidada na cidade que combina actividades educativas, deportivas e de convivencia dirixidas á infancia e á mocidade. O prazo de inscrición abrirase o vindeiro 1 de xuño.
O campamento mantén como principais sinais de identidade o seu espírito educativo, saudable, formativo e asociativo, apostando por un modelo de ocio centrado na aprendizaxe, a participación e os valores humanos. Entre os seus obxectivos tamén figura o apoio á conciliación familiar durante o período estival, así como o fomento da convivencia e do respecto entre os participantes.
Outro dos aspectos destacados desta iniciativa é a creación dun amplo entramado de colaboración entre clubs, asociacións e federacións deportivas da cidade. Máis de 40 actividades diferentes forman parte do programa grazas á implicación de numerosas entidades que colaboran de maneira activa para dar a coñecer e fomentar a práctica das súas disciplinas deportivas e culturais.
A organización subliña ademais o seu compromiso coa inclusión real de nenos e nenas con Necesidades Educativas Especiais, con ou sen discapacidade, así como de menores con Necesidades de Atención Educativa e en risco de exclusión social, promovendo un espazo integrador e accesible para todos os participantes.