O campamento urbano de verán de Viveiro comezará o 3 de agosto
O Concello de Viveiro informa a todos os veciños que o Campamento Urbano de Verán comezará o vindeiro 3 de agosto de 2020, coa aplicación de todas as medidas de prevención, protección e hixiene e de todos os protocolos do Covid-19 para garantir a seguridade dos nenos e nenas participantes.
Realizarase no pavillón do CEP Lois Tobío e o seu horario será de 8.30 a 14.00 horas, de luns a venres. Ofértanse un total de 54 prazas.
“Coa prestación deste servizo, o Concello de Viveiro pretende favorecer a conciliación familiar, ofrecendo un recurso axeitado ás familias que por motivos laborais se atopan con dificultades para compaxinar a vida profesional e a crianza dos nenos e nenas”, explica a alcaldesa, María Loureiro.
Inicialmente estaba previsto que este campamento comezase o 8 de xullo, pero a situación epidemiolóxica no distrito sanitario da Mariña provocada polo brote de Covid-19 motivou que se suspendese temporalmente o seu inicio.
Agora, atendendo a evolución favorable do brote e tendo en conta o levantamento de parte das restricións impostas polas autoridades competentes, o Concello de Viveiro decidiu iniciar a prestación deste servizo, para axudar a todas aquelas familias que o precisen neste mes de agosto, favorecendo a conciliación familiar neste verán especialmente difícil como consecuencia da pandemia do COVID-19.
Neste sentido, ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes, do venres 24 ao xoves 30 de xullo de 2020. Aquelas persoas que xa presentaran a solicitude no prazo establecido anteriormente, do 30 de xuño ao 6 de xullo, non teñen que presentar nada máis.
O prazo de presentación de instancias manterase aberto ao longo do mes de agosto, no caso de non cubrirse a totalidade das prazas ofertadas no campamento neste novo periodo de presentación de solicitudes. Resérvanse prazas para nenos e nenas con discapacidade igual ou superior ao 33% e para nenos e nenas pertencentes a familias en situacion de vulnerabilidade.
Con respecto ao criterio de selección, cómpre indicar que en primeiro lugar seleccionaranse aos nenos e nenas daquelas unidades familiares nas que ambos proxenitores teñan vixente unha relación laboral no prazo de presentación de instancias ou estén realizando un curso do plan de formación impartido dentro da formación para persoas desempregadas das distintas administracións públicas.
No suposto de separación, divorcio ou familias monoparentais atenderase a que este requisito se cumpra respecto do proxenitor que se atope a cargo do menor.
O obxectivo deste campamento é cubrir a nivel pedagóxico este tempo de lecer facilitando unha alternativa de ocio saúdable, fomentando o xogo, o deporte, a expresión artística así como os valores de convivencia e respecto entre iguais. Promoverase a realización de actividades de carácter lúdico: manualidades, obradoiros de refugallo, xogo cooperativo, actividades deportivas...
Este verán, debido á situación provocada polo Covid-19, é necesario máis que nunca ofrecer un recurso lúdico para os nenos e nenas, así como unha alternativa segura para as familias, que necesitan seguir cumprindo coas súas obrigas laborais.