O Campus de Lugo celebrará a xornada ‘Orgullosas’ para impulsar a visibilidade LGBTI

LugoXa
A programación do Outono Cultural da USC inclúe un obradoiro participativo, a presentación dun estudo sobre as mulleres lesbianas en Galicia e un encontro coa actriz Alba Loureiro
domus-mitreo-casa-saber
15 Oct 2026

A Casa do Saber do Campus de Lugo acollerá este xoves, 15 de outubro, a xornada ‘Orgullosas’, unha iniciativa da Universidade de Santiago de Compostela (USC) centrada na diversidade sexual e de xénero, na visibilidade LGBTI+ e na difusión de referentes culturais. A proposta forma parte do Outono Cultural 2026 e busca identificar as necesidades da comunidade universitaria e promover unha contorna máis inclusiva.

A actividade está organizada polas vicerreitorías de Cultura, Lingua e Patrimonio e de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar, en colaboración coa asociación LesWorking. O programa combinará dinámicas participativas, investigación e cultura audiovisual para abordar os retos aos que se enfrontan as persoas LGBTI+.

A xornada comezará ás 17.00 horas cun obradoiro participativo dirixido a identificar e analizar as barreiras, necesidades e desafíos deste colectivo na USC. A través de diferentes dinámicas, as persoas asistentes poderán compartir experiencias e elaborar coñecemento común. O resultado será un informe que servirá de base para orientar as políticas universitarias de diversidade LGBTI+, tanto no Campus de Lugo como no conxunto da institución.

O encontro estará moderado por Ignacio Elpidio Domínguez Ruiz, coordinador de Diversidade LGBTI+ e Cultural da USC, quen destaca a importancia de incorporar as achegas e as voces de toda a comunidade universitaria, con independencia do campus no que desenvolva a súa actividade.

A partir das 20.00 horas, a programación abrirase ao público cunha benvida institucional centrada no respecto e no fomento da diversidade dentro da universidade. A continuación, a asociación LesWorking presentará o estudo *A situación das mulleres lesbianas* en Galicia, elaborado por un equipo da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC e financiado pola Dirección Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia.

A última parte da xornada estará dedicada á cultura audiovisual cun encontro con Alba Loureiro, actriz e creadora de contido. Durante a sesión proxectarase *Contando los días*, unha comedia romántica en formato vertical creada por Tania Medina e Alba Loureiro. Tras a proxección, celebrarase un coloquio sobre a serie e a súa relación coa visibilidade LGBTI+, o respecto pola diversidade e a capacidade da cultura para contribuír á transformación social.

Con esta iniciativa, a USC pretende reforzar o papel da universidade como espazo de investigación, formación e difusión cultural comprometido coa diversidade sexual e de xénero, así como co benestar de todas as persoas que forman parte da comunidade universitaria.

0.14756894111633