O Campus de Lugo estrea un vídeo sobre a investigación en alzhéimer co gallo do Día Internacional da enfermidade

LugoXa
A Casa do Saber acolle o luns a presentación audiovisual que recolle as principais liñas de estudo sobre a doenza desde distintas áreas de coñecemento universitario
gala-anual-afalu-circulo-lugo
20 Sep 2026

A Casa do Saber, sede da Vicerreitoría da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en Lugo, será o escenario, o vindeiro luns 21 de setembro ás 16.30 horas, do acto central co que o campus lucense conmemorará o Día Internacional do Alzhéimer. A cita incluirá a estrea dun vídeo titulado 'Alzhéimer: coñecer para previr e acompañar', primeira produción da cuarta edición do proxecto de divulgación científica 'Ciencia á Feira', que se desenvolverá ao longo do curso 2026/2027.

O material audiovisual recolle como distintos grupos do Campus de Lugo abordan o estudo do alzhéimer desde disciplinas tan variadas como a química-física, a bioquímica, a enxeñaría ou a veterinaria. Cunha linguaxe pensada para o público xeral, o vídeo repasa algunhas das cuestións que hoxe en día ocupan á investigación: os mecanismos que desencadean a enfermidade, o xeito de recoñecer os seus primeiros síntomas e as novas vías que se exploran para o seu diagnóstico e tratamento.

Entre os contidos que se amosan figuran os traballos sobre as proteínas vinculadas á patoloxía, o uso de técnicas de fluorescencia para analizar os procesos relacionados co deterioro neuronal, o deseño de novas estratexias terapéuticas, a aplicación da intelixencia artificial na identificación temperá do deterioro cognitivo, así como estudos sobre alteracións similares en cans.

A produción suma ademais a mirada social e terapéutica de AFALU (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Lugo), que achega ao vídeo a importancia de dar visibilidade a unha enfermidade que non debería afrontarse en soidade. Sublíñase así o papel da prevención, a detección temperá, o acompañamento profesional e o apoio tanto aos pacientes coma ás súas familias.

Ao acto asistirán representantes institucionais do ámbito universitario, do Goberno central en Lugo e da Deputación provincial, ademais de responsables de AFALU e dos equipos de investigación do campus lucense que traballan arredor desta enfermidade.

Esta actividade súmase ás organizadas en Lugo e que tiveron o seu momento álxido coa celebración este sábado da gala anual de Afalu.

Cuarta edición de Ciencia á Feira

Esta estrea dá o pistoletazo de saída á cuarta edición de 'Ciencia á Feira', iniciativa de ciencia comunitaria e interxeracional promovida polo grupo de innovación docente XuvenCiencia da USC. Ao longo do curso 2026/2027, o proxecto sumará ao asunto do alzhéimer outras dúas temáticas de peso social: a soberanía alimentaria e os incendios forestais.

Deste xeito, 'Ciencia á Feira' mantén a súa aposta por achegar a ciencia ás inquedanzas reais da cidadanía, poñendo en valor o coñecemento que se xera desde o Campus de Lugo.

Esta nova edición conta co respaldo económico da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, e da área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

0.1457040309906