O Campus de Lugo ofrece clases de xadrez para iniciarse ou perfeccionar o nivel a partir dos 14 anos

LugoXa
A USC e a Escola Luguesa de Xadrez organizan sesións os luns e mércores na Facultade de Humanidades, con formación a cargo do Mestre FIDE Pablo López Varela
xadrez-na-rúa--Lugo
21 Oct 2026

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Escola Luguesa de Xadrez (ELX) colaboran para ampliar a oferta de actividades no Campus de Lugo con clases de xadrez dirixidas a persoas a partir dos 14 anos. A proposta está aberta tanto a quen queira aprender desde cero como a quen busque mellorar o seu nivel de xogo.

As sesións desenvolveranse na Sala de Lectura da Facultade de Humanidades, en horario de 19:30 a 20:30 horas. Os luns estarán dedicados á iniciación, mentres que os xoves se centrarán no perfeccionamento.

A formación estará impartida polo Mestre FIDE Pablo López Varela, que guiará os participantes no proceso de aprendizaxe e adaptará os contidos ao seu nivel.

A iniciativa pretende achegar o xadrez á comunidade universitaria e á cidadanía como unha actividade deportiva, educativa e social. A súa práctica contribúe a exercitar capacidades como a concentración, a memoria, o pensamento estratéxico e a toma de decisións, ademais de favorecer os encontros entre persoas arredor deste deporte.

As tarifas varían segundo a vinculación coa Universidade de Santiago de Compostela. O alumnado, o persoal docente e investigador (PDI) e o persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS) poderán asistir por 10 euros ao mes.

No caso das persoas alleas á USC, a matrícula terá un custo de 30 euros e as clases suporán outros 20 euros mensuais.

As inscricións xa están abertas e deben tramitarse a través da Escola Luguesa de Xadrez. Para participar nas clases de iniciación non é necesario contar con coñecementos previos.

Con esta colaboración, a USC e a ELX buscan reforzar a presenza do xadrez no Campus de Lugo e facilitar o acceso a esta disciplina a persoas de diferentes idades e niveis.

0.1489851474762