O Campus Terra acolle a II Xornada Técnica sobre Valorización de Frondosas Autóctonas

LugoXa
O Campus Terra acolle a II Xornada Técnica sobre Valorización de Frondosas Autóctonas o vindeiro 29 de novembro
caducifolias portada
25 Nov 2022

O Distrito Forestal IX Lugo Sarria da Consellería do Medio Rural celebra o vindeiro 29 de novembro, a partir das 9.30 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, unha xornada técnica sobre valorización de frondosas autóctonas. Este foro, organizado en colaboración co Campus Terra da USC, está dirixido a persoas vinculadas profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a calquera outro público interesado.

O programa, incluído no Plan de Transferencia para o Apoio ás Actividades de Demostración e de Información do Agro Galego 2022, contempla diversas sesións expositivas, en quenda de mañá, ademais da visita das instalacións de que dispón en Vilalba a empresa Maderas Gayoso.

O director da Axencia Galega de Industria Forestal (XERA), Jacobo Aboal, abrirá a segunda edición destas xornadas técnicas cunha exposición sobre o proxecto tecnolóxico impulsado pola Administración autonómica para a valorización sustentable da madeira das masas de frondosas caducifolias.

Unha mesa de debate sobre innovación forestal conducida por Manuel Marey, catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, dará continuidade a este foro sectorial. O tamén catedrático da USC Roque Rodríguez Soalleiro tratará na súa intervención sobre o marteloscopio na carballeira de Labio (Lugo), así como do seu establecemento, primeiro emprego e visión de futuro.

A técnico de Tragsa e responsable de proxectos do viveiro de Maceda Beatriz Varela Cuenca presentará neste coloquio algunhas propostas de innovación en propagación vexetal.

Ao seu remate, Esther Merlo Sánchez, de Madera Plus, falará sobre as experiencias de avaliación da calidade tecnolóxica da madeira en bosques de frondosas con medicións indirectas de árbores en pé (castiñeiro, faia, nogueira, cerdeira, chopo, carballo). Esta mesa sobre innovación forestal tamén servirá de palestra para que o enxeñeiro forestal e director técnico de Basoa, Aitor Oraindia, relate algunhas experiencias en xestión de masas mixtas en Euskadi.

Unha vez rematado este primeiro coloquio, Francisco Pedras, de XERA-CIS Madeira, moderará outra mesa redonda na que José Luis Villanueva, do Cesefor, dará conta das experiencias en rebolo e fai desenvolvidas ao abeiro do Life Rebolo e Go Fagus. Gonzalo Piñeiro Veiras, do CIS Madeira, presentará experiencias en castiñeiro neste foro, no que Vanesa Baño, de Innovawood, falará sobre o rol das frondosas estruturais. Unha visita a planta de que dispón a empresa Maderas Gayoso en Vilalba servirá de colofón destas xornadas técnicas.

As persoas interesadas en participar poden formalizar a súa inscrición a través do enderezo de correo electrónico xbruna@xunta.gal. Tamén se pode solicitar máis información a través do número de teléfono 982 828 620 ou ben a través do correo electrónico distrito.forestal9@xunta.gal.

caducifolias

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18785309791565